O BNG leva ao Parlamento a situación crítica das Urxencias no Provincial e en Montecelo
18 de novembro de 2021. O BNG rexistrou no día de hoxe, por medio do deputado por Pontevedra Luís Bará, unha batería de iniciativas parlamentarias nas que se fai eco da situación crítica en que se encontran os servizos de urxencias do hospital de Montecelo e do Provincial, e mediante as que traslada ao parlamento as denuncias e as demandas que o persoal dos centros fixo públicas a comezos desta semana.
Para o deputado nacionalista Luís Bará, unha das causas principais da situación que se está a sofrer nas urxencias hospitalarias é “o empeoramento das condicións de traballo e da atención nos centros de saúde e nos PAC, de maneira que as pacientes teñen cada vez máis dificultades de acceso ao sistema e que se vén sometidas a prazos de unha e até dúas semanas para ser atendidas”.
Segundo Bará, “unha das derivadas desta situación é a saturación e masificación das urxencias hospitalarias, porque diante da falta de atención ou retraso desta nos centros de saúde moitas persoas optan por ir directamente aos servizos de urxencias”.
O BNG insta á Xunta a insta á Xunta a cubrir as prazas vacantes que son esenciais para un bo funcionamento do servizo e para rematar co desgaste emocional e coa sobrecarga de traballo.
Un bo exemplo disto é o que está a ocorrer en Pontevedra nas urxencias hospitalarias en Montecelo e no Provincial, tal e como veñen de poñer de manifesto o persoal facultativo destes servizos nunha carta aberta dirixida ao conselleiro de Sanidade, ao xerente do SERGAS e ao xerente da área sanitaria Pontevedra-O Salnés.
Neste escrito o cadro de persoal médico lanzou un auténtico SOS en relación coa situación que sofre todo o persoal (facultativo, enfermaría, auxiliar, administrativo, celadores), poñendo de relevo as seguintes cuestións:
- Repercusión no servizo de urxencias da crise en atención primaria: numerosas pacientes ao non seren atendidas nos centros de saude acoden ao servizo de urxencias con demandas non urxentes, mais tampouco con demoras de 15 días como ocorre nalgúns centros de saúde.
- Falta de persoal facultativo, desgaste emocional e sobrecarga de traballo.
- Contratos deficitarios, sen estabilidade a longo prazo e con ausencia de reforzos de persoal cando é necesario.
- Incremento de pacientes desde o comezo do verán, e dificultades de xestión da afluencia pola aplicación das medidas de seguridade anticovid.
- Problemas de espazo e de sobre aforo, tanto de familiares como de pacientes.
- Maltrato por parte da administración e falta de solución ás súas demandas.
- Demanda de contratación do persoal facultativo necesario para cubrir catro baixas por enfermidade no Hospital Montecelo e unha praza no Hospital Provincial descuberta desde fai dous meses.
Diante desta grave situación, o BNG presentou preguntas parlamentarias ao goberno e unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a atender as demandas do persoal de urxencias do Hospital Montecelo e Provincial, nomeadamente mediante a cobertura das prazas vacantes que son esenciais para un bo funcionamento do servizo e para rematar co desgaste emocional e coa sobrecarga de traballo.
MALESTAR SOCIAL COA POLÍTICA SANITARIA DA XUNTA
Para o BNG, o estado de malestar social e nos profesionais é evidente, como se pon de manifesto nas mobilizacións que se están levando a cabo en todo o territorio galego, con grande incidencia na provincia de Pontevedra. A grande manifestación do pasado domingo 14 de novembro foi unha expresión clara e rotunda do rexeitamento á politica sanitaria da Xunta, de defensa do sistema público de saude, e de esixencia de solucións.