O BNG demanda do goberno municipal de Cerdedo-Cotobade que promova o uso da bicicleta, como medio de transporte ecolóxico e saudábel
Cerdedo-Cotobade, 18 de novembro de 2021. O BNG vén de presentar unha moción no concello de Cerdedo-Cotobade para que desde a administración local se pule polo uso da bicicleta como medio de transporte ecolóxico e saudábel.
O portavoz municipal, Ernesto Filgueira salientou que “para o BNG resulta imprescindíbel fomentar novos hábitos de mobilidade entre a veciñanza e promover un cambio na pirámide dos desprazamentos favorecendo o uso da bicicleta, especialmente entre a mocidade”.
A bicicleta -salientou o portavoz nacionalista- “é un medio de transporte saudábel para as persoas e para o medio ambiente, que axuda a reducir a contaminación, o perigo e o ruído que ocasionan os vehículos a motor”. Pero para facelo viábel salientou Filgueira, “é necesario que se garanta a seguridade das persoas usuarias”, algo que a día de hoxe, por desgraza non acontece.
Ernesto Filgueira: “Para conseguir os froitos desexados é necesario mellorar a seguranza viaria nos distintos viais e realizar unha campaña de fomento do seu uso”
Ernesto Filgueira afirmou que “coa extensión do uso da bicicleta gañamos todos e todas. Gañamos en saúde, ao facer exercicio físico, gañamos en seguridade, ao reducir o risco de accidentes producidos polos vehículos a motor, e contribuimos ao coidado do concello e do planeta ao reducir a contaminación do aire”.
Dende o BNG entendemos que o rural é un entorno idóneo para a extensión da bicicleta como medio de transporte, e para iso compre actuar con decisión e altura de miras. En primeiro lugar garantindo a seguridade nas vías que atravesan o noso concello e, en segundo lugar, realizando campañas de promoción do seu uso entre a veciñanza, a comezar polos colexios públicos.
A parte resolutiva da moción presentada demanda:
- A elaboración dunha ordenanza de mobilidade sustentábel que mellore a seguranza nos viais municipais e promova o uso da bicicleta como medio de transporte.
- A xestión diante doutras administracións para que doten os viais da súa competencia de elementos de seguridade e sinalización precisos -incluíndo a construción de carrís-bici onde sexa necesario- para garantir un uso seguro por parte daquelas persoas que utilicen a bicicleta para os seus desprazamentos.
- A realización dunha campaña nos colexios públicos e nas casas do Pobo parroquiais para o fomento do uso da bicicleta nos desprazamentos.
- A dotación de aparcadoiros-bici nas inmediacións dos edificios e instalacións deportivas municipais, casas do pobo, centros educativos e principais prazas das parroquias.