O BNG leva ao Pleno de Cerdedo-Cotobade o rexeitamento aos parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas
Cerdedo-Cotobade, 16 de marzo de 2022. O BNG vén de presentar unha moción no Concello de Cerdedo-Cotobade para buscar un rexeitamento claro da corporación municipal aos parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas promovidos por Naturgy Renovables, actualmente en tramitación por parte da Xunta.
No seu día o BNG xa presentara alegacións contra estes parques, como tamén o fixo o Concello de Cerdedo-Cotobade co apoio de todas as forzas políticas, e agora leva o tema ao pleno do municipio, logo de comprometerse con veciños e veciñas de Pedre nunha reunión que tivo lugar o pasado venres, día 11.
Compre lembrar que o parque éólico de Porto Vidros, que afecta directamente ás parroquias de Pedre, Cerdedo, Corredoira e Quireza, consta de aeroxeradores de 163 m de altura., unha torre anemométrica, centro de seccionamento, pistas e liñas eléctricas, ademais dunha liña eléctrica aérea de 6'5 km que cruza dende Pedre até o monte de Quireza, a menos de 200 metros das casas.
Ernesto Filgueira: “Facemos nosas as inquedanzas dos veciños e veciñas ameazados polos parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas e, con esta moción, pretendemos un rexeitamento claro e contundente da corporación contra a súa instalación”
Pola súa banda, o parque de Campo das Rosas crea tamén inquietudes na veciñanza de Pedre e Quireza polas afeccións medioambientais e arqueolóxicas. A súa polígonal toca solo rústico de protección forestal e solo rústico de protección de augas.
Os dous campos comparten infraestruturas e son, na práctica, un único proxecto industrial, mais son tramitados individualmente para furtar os estudos de impacto ambiental, ao non analizarse de forma conxunta e sumativa os impactos ambientais.
“Nun espazo pequeno do territorio aglomeraríanse os parques eólicos de Campo das Rosas, Cabanelas, Monte de Arca, As Penizas, Pico Touriñán, Porto Vidros e Touriñán III, co conseguinte impacto sobre a paisaxe e perda de biodiversidade que supón a construción de todas as infraestruturas necesarias para dar servizo a estes parques”, afirmou Ernesto Filgueira.
“Facemos nosas as inquedanzas dos veciños e veciñas ameazados polos parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas e, con esta moción, pretendemos un rexeitamento claro e contundente da corporación contra a súa instalación”, afirmou o portavoz nacionalista.