O BNG leva ao Parlamento Galego a praza de Xeografía e Historia do IES de POIO
4 de outubro de 2021. O BNG trasladou hoxe ao parlamento galego a demanda da comunidade educativa do IES de Poio para que cubra de maneira inmediata a praza de docente de xeografía e historia con destino definitivo no centro. Esta praza está vacante desde o inicio do curso porque a persoa titular está ocupando un posto nun organismo da Xunta e a consellaría non enviou outra docente para substuila.
Para o deputado nacionalista Luís Bará estamos diante dun novo exemplo de racanería miserábel e inxusta por parte da Xunta do PP, que está a privar dos seus dereitos ao alumnado de 1º de ESO e 2º de Bacharelato do centro, que en lugar de recibir as clases con normalidade ten que ser atendido por profesorado de garda.
Luís Bará rexistrou hoxe unha proposición non de lei e preguntas ao goberno para que de maneira inmediata se dea resposta a esta demanda e se garantan os dereitos do alumnado
Para o BNG trátase dunha situación insostíbel, absurda e inxusta, causada por un erro da consellaría e que debe ser resolta de xeito inmediato. Por este motivo, e diante da reiterada negativa da consellaría de educación a resolver esta xusta demanda, o BNG vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentares, por trámite de urxencia, para reclamar ao goberno galego que cubra a praza de docente de xeografía e historia do IES de Poio. Segundo Bará estamos diante dunha situación absurda e inxusta, que se pode resolver de hoxe para mañá xa que hai docentes nas listas de substitucións que poderían incorporarse ao centro en cuestión de horas.
O deputado nacionalista califica de racanería miserábel e inxusta a actitude da consellaría
Ademais, o BNG amosa todo o apoio ás mobilizacións iniciadas pola comunidade educativa do IES de Poio e á de todos os centros que lle están facendo fronte aos recortes de profesorado impostos pola Xunta, difíciles de entender nun contexto como o actual marcado polas consecuencias da pandemia e pola necesidade de reforzar os medios humanos e materiais do ensino público.