O BNG seguirá reivindicando unha atención sanitaria de calidade no concello de Poio e trasladará un novo escrito á Valedora do Pobo
O BNG considera fóra da realidade a resposta da Valedora do Pobo e as actuacións do SERGAS, que manteñen a Poio nunha situación crítica, cun só médico por cada 2117 veciños. Isto supón que para a veciñanza de Poio acceder a atención médica supoña toda unha odisea, con listas de agarda interminábeis, con saturación nas consultas, cupos desbordados e escaseza de persoal sanitario.
Esta é unha situación xeral provocada polo pouco aprecio á sanidade pública que mostra o goberno da Xunta do Partido Popular, e que se viu agravada desde o 2020 coa pandemia, que no canto de servirnos para pór en valor a sanidade pública, só está a servir para empeorar o servizo por parte do goberno galego.
A formación nacionalista lamenta a resposta recibida por parte da Valedora do Pobo, e anuncia que lle fará chegar un novo escrito con datos concretos de veciños e veciñas de Poio que non poden acceder en tempo e forma a unha cita médica, demostrando así que as consecuencias do desleixo do goberno da Xunta pola sanidade do noso concello teñen graves consecuencias.
A realidade para a veciñanza de Poio segue sendo a de agardar semanas para conseguir unha cita en atención primaria, a maioría das cales son só telefónicas
Ademais, o Bloque continuará coa súa campaña de defensa dunha sanidade pública de calidade e reivindicará un aumento de profesionais sanitarios, que o SERGAS cubra as baixas e vacacións do persoal sanitario e que se constrúa un novo centro de saúde que conte co persoal necesario e que dea resposta ás necesidades das veciñas e veciños de Poio no eido da saúde