O BNG leva ao Parlamento galego a ordenación e urbanización do porto de Covelo desde a PO-308
Poio, 26 de xaneiro de 2023. “Imos levar ao Parlamento unha serie de iniciativas para que a Xunta cumpra, dunha vez por todas, cos compromisos adquiridos en 2009 e leve a cabo este ano o proxecto de ordenación e urbanización do acceso ao recinto portuario de Covelo (Poio) desde a PO 308, que inclúe a pavimentación da calzada e das beirarrúas, a creación dunha zona de estacionamento, a dotación de alumeado e mobiliario urbano e a renovación da rede de saneamento”, afirmou a candidata á alcaldía de Poio Marga Caldas, nunha visita ao porto, acompañado polo alcalde, Luciano Sobral, e o deputado do BNG, Luís Bará.
Os representantes nacionalistas lembraron que no ano 2009 Portos de Galicia iniciou a tramitación dos convenios e dos proxectos para a mellora dos portos de Covelo e Raxó, que prevían un investimento de 1,9 millóns de euros en Covelo e 1,3 no porto de Raxó, proxectos que se unificarían un ano despois nun só, cun investimentos superior aos tres millóns de euros, que recollerían as melloras solicitadas polo concello e a veciñanza.”Nese ano, o presidente do Portos de Galicia, Álvarez Campana, anunciou que a obra se licitaría en outono dese mesmo ano (2010)”, resaltou Caldas.
Transcorridos máis de 12 anos daquel anuncio, os proxectos están sen realizar. No caso de Raxó anunciouse recentemente o investimento de 900.000 euros (dos que o concello asumirá o 30%), mediante un acordo entre Portos de Galicia e o concello.
Marga Caldas: “A urbanización do acceso ao porto de Covelo é unha demanda histórica do concello de Poio, que a Xunta leva demorando inxustificabelmente desde o ano 2009”
No caso do porto de Covelo, fixéronse algunha reformas parciais mais está sen realizar o proxecto inicialmente acordado e redactado, que permitiría ordenar e urbanizar o acceso ao recinto portuario desde a PO 308, a pavimentación da calzada e das beirrarúas, a creación dunha zona de estacionamento e a dotación de saneamento, alumeado e mobiliario urbano.
O deputado nacionalista, Luís Bará, anunciou que o BNG vai presentar de inmediato unha proposición noin de lei para que se leve a cabo este ano o proceso de urbanización do acceso ao porto, “que leva pendente desde o ano 2009”, e unha serie de preguntas para coñecer se a Xunta ten algún proxecto actualizado e valorado das actuacións previstas neste porto e se ten pensado ainar un convenio co concello de Poio para impulsar as obras pendentes.