O BNG leva ao Parlamento a falta de personal sanitario no PAC da Parda
Pontevedra, 9 de Febreiro de 2022. O BNG rexistrou un conxunto de iniciativas, en forma de proposición non de lei e preguntas ao goberno, para denunciar a situación que están a sufrir os centros de atención primaria e os PAC e para demandar á Xunta que se reforcen estes servizos con máis persoal, para evitar situacións como a creada o pasado domingo no PAC da Parda.
Segundo o deputado nacionalista Luís Bará, a área de Pontevedra está a sufrir como todas as demais zonas de Galiza o deterioro da atención primaria, debido á redución de persoal e á degradación das condicións laborais. Un dos ámbitos máis maltratados é o dos PAC, sometidos a unha forte presión asistencial e a unhas condicións laborais extremas. Segundo Bará, “as denuncias do persoal dos PAC son continuas, como tamén son habituais as queixas das persoas usuarias do servizo”.
Para o BNG “o ocorrido o pasado domingo 6 de febreiro é moi grave, é unha mostra clara dunha situación que se vén dando de maneira habitual dos PAC da área de Pontevedra e en toda Galiza. Nesa xornada, no canto dos tres facultativos que deberían atender o servizo só estivo un. Nas 14 horas que durou a súa garda atendeu a 106 persoas entre atención presencial e telefónica e efectuou cinco saídas para atender a pacientes a domicilio”.
Luís Bará demanda medidas do SERGAS para reforzar a atención primaria e mellorar a dotación de persoal médico nos PAC
Ademais da saturación, retrasos e desatención sufrida polas persoas que acudiron ao centro de saúde da Parda, o BNG denuncia “as condicións de explotación laboral ás que o SERGAS está a someter o seu persoal, o que está a provocar situacións de frustración e desánimo”.
Coas iniciativas rexistradas no parlamento, o BNG reclama que tanto a Xerencia da Área Sanitaria como o SERGAS adopten de maneira urxen medidas para evitar unha situación tan grave como a descrita, que nin é casual nin é específica de Pontevedra senón que se produce de maneira habitual en todo o país. O parlamento insta á Xunta a mellorar a atención sanitaria na área de Pontevedra e nomeadamente a dotar do persoal necesario os PAC para evitar situacións como a sufrida o pasado 6 de febreiro no PAC da Parda, no que só había un facultativo cando tiña que haber tres.
O deputado nacionalista tamén lembra na iniciativa rexistrada “a necesidade de reforzar a atención primaria mediante o incremento do gasto público, a dotación de medios humanos e materiais, a ampliación da carteira de servizos, o respecto dos dereitos laborais e unha mellor organización, incluindo a garantía da atención presencial”.
O goberno municipal de Pontevedra urxe á Xunta a tomar medidas
Diante da lamentable situación que se está a sofrer no PAC da Parda, o goberno municipal de Pontevedra dirixiuse á Xunta, instandoa a que solvente cunha vez por todas os problemas de falta de personal sanitario no PAC da Parda, que está a ocasionar graves prexuizos tanto á veciñanza como ás e aos profesionais.