O BNG convoca unha concentración en defensa do PAC de Caldas para este domingo 6 de febreiro ás 12 diante do centro de saúde
Caldas, 1 de febreiro de 2022. O BNG levou ao pasado pleno unha moción en defensa do PAC de Caldas, logo da modificación por parte da Xunta do seu Plan Funcional, que o deixaba sen un facultativo en horario de tarde de luns a venres. Co novo Plan Funcional o servizo de urxencias extrahospitalarias queda cun só médico/a para atender ás máis de 21.000 persoas dos concellos de Caldas, Portas, Moraña e Cuntis, e sen nengún cando este único médico teña que facer unha saída, algo que se produce con certa frecuencia.
Con estas decisións irresponsábeis, o SERGAS afirmou o portavoz municipal, Manuel Fariña, “está a someter ao persoal sanitario a maiores cotas de traballo e estrés, a incrementar a presión nas urxencias hospitalarias e a derivar cada vez máis persoas á sanidade privada, verdadeira razón non confesada das políticas de recortes levadas a cabo pola Xunta de Feixóo”.
Manuel Fariña: Esixímoslle ao SERGAS quedevolva ao PAC de Caldas o médico que retirou e que complete dous equipos
Lamentabelmente, o que debera ser un clamor unánime dos grupos municipais en defensa do dereito á saúde da súa veciñanza, non foi tal, e o PP local preferiu pregarse ás ordes do seu partido a defender os intereses dos veciños e veciñas que demandan unha sanidade pública e de calidade.
Para os nacionalistas é necesario repoñer xa o segundo médico, e dotar ao PAC de dous equipos completos, como se viña reclamando insistentemente por parte da sociedade caldense..
O BNG pide ao PP caldense que recapacite e non antepoña a obediencia cega ao goberno da Xunta aos intereses dos veciños e veciñas de Caldas
Pero diante da cerrazón da Xunta, será precisa a mobilización social. Por iso o BNG convoca a todos os veciños e veciños e a todas as forzas políticas e sociais dos concellos afectados a participar na concentración en defensa do PAC de Caldas que terá lugar o vindeiro domingo, día 6 de febreiro, ás 12 da mañá diante do centro de saúde (rúa Román López). “Animo tamén ao PP a que reflexione, mira a situación do PAC de Caldas e deixe de lado a submisión ás directrices do seu partido para sumarse a esta convocatoria”, afirmou Manuel Fariña, quen afirmou que “canto máis forza fagamos, máis pronto teremos unha solución ao grave problema de falta de persoal que padece o PAC de Caldas