O BNG esixe á Xunta que dea carpetazo á modificación do proxecto sectorial de ENCE en Lourizán

O deputado nacionalista Luís Bará rexistrou unha batería de iniciativas nas que pide ao goberno galego que atenda os informes do Ministerio de Cambio Climático, Concello de Pontevedra e Concello de Marín e desbote a modificación do proxecto sectorial de incidencia municipal coa que se pretende legalizar unha ampliación e consolidación da fábrica
O BNG esixe á Xunta que dea carpetazo á modificación do proxecto sectorial de ENCE en Lourizán

O BNG rexistrou no parlamento galego unha batería de iniciativas, en forma de preguntas e proposición non de lei, na que esixe á Xunta que desista de tramitar a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de ENCE. Para Luís Bará, con esta modificación “Feixóo pretende burlar as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión outorgada polo goberno do PP en 2016”.

Nas iniciativas rexistradas faise referencia aos concluintes e contundentes informes do Ministerio de Transición Ecolóxica, do Concello de Pontevedra e do Concello de Marín, que non deixan lugar a dúbidas sobre a ilegalidade e o impacto das obras que pretende realizar ENCE en Lourizán:

  • Ignora tres sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión.
  • Incremento do volume, altura e ocupación do espazo de dominio público.
  • Falta de integración paisaxística das actuacións. Importante impacto visual, non suficientemente xustificado no documento inicial estratéxico (só xustifica a integración dentro do propio complexo industrial, consolidando máis a paisaxe industrial ao borde do mar).
  • Impacto negativo significativo sobre a biodiversidade e sobre as augas da ría de Pontevedra, declarada zona sensíbel.

Segundo Bará, “en realidade o que busca a Xunta é crear a fición de que a fábrica pode seguir en Lourizán e faino nunha estratexia coordinada coa empresa ENCE: por un lado intentando legalizar a ampliación e consolidación do complexo e, por outra, mediante unha interpretación torticeira e manipulada do informe do consello consultivo a respecto da adscrición ao porto de Marín dos terreos que actualmente ocupa a fábrica”.

Luís Bará: “A ampliación das instalacións de ENCE prevista na modificación do proxecto sectorial é incompatíbel coa sentenza da Audiencia Nacional”

Por outra parte, a Xunta está boicoteando os intentos de buscar terreos para un posíbel traslado do complexo industrial, co que queda claro que o PP quere que a fábrica peche para poderlle botar a culpa ao goberno municipal e ao goberno central. Ao PP non lle preocupan os postos de traballo: o que quere é obter réditos eleitoriais e que a fábrica peche para ter a quen botarlle a culpa”

PREGUNTAS SOBRE O INFORME DO CONSULTIVO O PRÓXIMO MÉRCORES DÍA 2 NO PARLAMENTO

Por outra parte, o vindeiro mércores día 2 o deputado nacionalista Luís Bará formulará preguntas ao goberno da Xunta na comisión 1ª do parlamento, en relación co informe do Consello Consultivo sobre a adscrición ao porto de Marín dos terreos que ocupa a fábrica e a manipulación por parte do goberno galego do contido do mesmo.

O BNG esixe á Xunta que dea carpetazo á modificación do proxecto sectorial de ENCE en Lourizán