O BNG lanza en Caldas unha campaña contra a suba da taxa do lixo
O BNG de Caldas de Reis presenta unha campaña de alegacións contra a brutal subida de taxas aprobada polo PSOE o pasado 13 de Novembro. Unha subida inxusta e indiscriminada que se ceba especialmente cos veciños e veciñas do rural.
Nesta campaña o BNG organizará charlas informativas (tanto nas parroquias como no centro urbano) coas que se intentará chegar á maior cantidade de xente posible, ademais de facilitarlle a todos os veciños que o desexen un modelo de alegación que poderán cubrir e entregar ben ao BNG ben directamente no concello até o día 27 de decembro.
Con esta campaña esperamos que o equipo de goberno anule a subida de taxas, e a curto prazo actualice os padróns de contribuíntes para evitar a fraude e se proceda a unha actualización das taxas para aqueles colectivos que sí poden pagar como son as entidades financeiras e a industria.
Dende o BNG sempre defendemos que os servizos públicos teñen un custe que hai que sufragar a través de taxas, pero antes de proceder a calquera subida, máxime cando nos atopamos en tempos de grave crise económica, débense actualizar os padróns de contribuíntes en primeiro lugar para evitar a fraude, e actualizar as taxas atendendo ás posibilidades económicas dos contribuíntes, ofrecendo beneficios fiscais a familias numerosas, colectivos en risco de exclusión social, parados, etc. para que deste xeito podamos garantir a xustiza distributiva.
Chama a atención especialmente o trato que están a recibir as entidades financeiras do noso concello, e a demagoxia coa que actúa o PSOE neste caso, xa que por un lado presenta mocións para retirar as contas bancarias das entidades que desafiuzamentos aos nosos veciños (medida que comparte o BNG) e por outro lado pagan de taxa do lixo case 1.000 euros/ano menos que no concello de Portas.
No caso da industria a situación é máis chamativa se cabe, pois nin na antiga nin por suposto na nova taxa se lle asigna unha tarifa. Temos serias dúbidas de que estean a pagar taxa do lixo, pero no suposto caso de que estean a pagar esta taxa estarían a pagar 176 euros/ano.