Pontevedra ordena o seu monte
O Concello de Pontevedra e a Mancomunidade de Xuntas de Montes de Pontevedra abordan conxuntamente a redación do Plan de Ordenación do Monte de Pontevedra cun investimento municipal que acada os 42.000.
O Concello xa foi pioneiro no deseño dunha política forestal coa posta en marcha en 2007 do Monte Vivo para a recuperación do espazo forestal logo da última vaga de lumes. Este plan permitiu a plantación ordeada dun millón de árbores autóctonas que substituiron espazos invadidos polo eucalipto e outras especies foráneas.
Agora dase un paso máis e avánzase coa ordenación do monte con varios obxectivos: en primeiro lugar, a catalogación do espazo forestal do concello e a distribución das especies e, posteriormente, o deseño de medidas de actuación concretas destinadas a conseguir un mellor aproveitamento económico do noso monte e a recuperación definitiva do monte autóctono.
A redacción do Plan do Monte é un paso imprescindíbel para pór a producir o sector primario do país e fixar a poboación rural no territorio, é dicer, para a loita contra o despoboamento da Galiza que é froito do deseño económico actual.