O BNG OFRECEULLE EN XANEIRO A CUBELA NEGOCIAR UN GRAN PACTO POLO BENESTAR DA VECIÑANZA

O BNG lamenta a falta de interese do alcalde para chegar a acordos e lograr uns orzamentos que servisen para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade

IMG_0170
O BNG lamenta a falta de interese do alcalde para chegar a acordos e lograr uns orzamentos que servisen para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade, 12 de maio de 2021. Para o BNG de Cerdedo-Cotobade resulta decepcionante que o Alcalde obviase o documento de propostas entregado o pasado mes de xaneiro, e máis aínda que non chegase a reunirse co portavoz municipal dos nacionalistas tal e como se compremetera o propio rexedor após dos catros meses transcorridos dende a entrega do documento. Ernesto Filgueira di sentir pesar por non ter tido a ocasión de poder pechar un gran “pacto polo benestar da veciñanza” froito do desaire e falla de interese de Jorge Cubela, que prefire presentar unhas contas municipais a base de grandes titulares que sentarse a pechar partidas concretas de recuperación social que eu mesmo lle trasladei”. 

O BNG entregou ao Alcalde no pasado mes de xaneiro un documento no que se recollían propostas específicas dirixidas a reflotar, ademais do sector da hostelaría, aos autónomos, pequenos comerciantes e produtores locais; ao reforzo e ampliación do departamento de servizos sociais, á creación dunha bolsa de dinamización cultural para activar as casas públicas parroquiais, a reforzar a figura de Don Ricardo Portela (cuxa efeméride segue sen ser celebrada), a rachar coa fenda dixital e apostar pola formación interxeracional da veciñanza no mundo tecnolóxico, a pór en marcha un programa de transporte á demanda acaído á dispersión demográfica e envellecida do concello … 

Segundo apunta Ernesto Filgueira ningunha destas medidas aparecen reflectidas con partidas específicas no orzamento aprobado. Filgueira tamén critica a falla de apoio ao tecido asociativo folclórico e cultural, di “as subvencións aos grupos folclóricos e ás bandas de música son as mesmas que no ano anterior, sen ter en conta que a pervivencia destas asociacións pasa pola recadación estival, decaída como consecuencia da pandemia. O Alcalde está a contribuir a que os poucos grupos que temos en Cerdedo-Cotobade rematen por desaparecer”. Salienta que “non só foi unha proposta para estas contas senón que o Alcalde non respectou a nosa moción aprobada por unanimidade na sesión plenaria e setembro de 2020 en apoio á cultura e ao folclore do concello”.

Ernesto Filgueira: "Son unhas contas de todo menos consensuadas, e demostran as poucas ganas de chegar a acordos por parte do alcalde, cando sabía que desde o BNG sempre tendemos pontes para lograr acordos que sexan bos para a veciñanza de Cerdedo-Cotobade"

Por outra banda, cabe sinalar que as contas para 2021 caen en 385.000€ a respeito das de 2020 e que non recollen medidas concretas para fomentar o asentamento de poboación nova cando dende o 2017 levamos perdidos máis de 410 veciñxs. Neste sentido Ernesto Filgueira di “que se o aumento de gasto por habitante aumenta non é porque se adiquen máis recursos como trata de vender o Alcalde senón porque perdemos habitantes a pasos axigantados e temos un millón de euros menos do fondo fusións da Xunta”.

Para Ernesto Filgueira “as contas aprobadas polo PP son o resultado da falla de aprecio ao traballo minucioso, participativo, propositivo e respetuoso que desenvolvemos dende o grupo do BNG. Son unhas contas de todo menos consensuadas, e demostran as poucas ganas de chegar a acordos por parte do alcalde, cando sabía que desde o BNG sempre tendemos pontes para lograr acordos que sexan bos para a veciñanza de Cerdedo-Cotobade. 

Ernesto Filgueira lamentou a oportunidade perdida de ter uns orzamentos máis beneficiosos para o pobo e para a veciñanza. “Está claro que outros orzamentos máis acaídos ao momento no que estamos non só eran posíbeis senón tamén necesarios. Lamento que o alcalde Cubela non tivese nunca a intención de negocialos, a pesar da nosa vontade de chegar a acordos polo ben dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade”.

O BNG lamenta a falta de interese do alcalde para chegar a acordos e lograr uns orzamentos que servisen para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade