O BNG pide a transferencia o colexio “Juan Sebastián Elcano” de Pontevedra, como paso necesario para a súa inclusión no sistema público galego
Pontevedra, 10 de maio de 2021. O pasado mércores 5 de maio, o Boletín Oficial do Ministerio de Defensa publicou unha resolución do pasado 30 de abril polo que se lle cambia o nome ao colexio “Salvador Moreno” de Pontevedra, que pasa a chamarse “Juan Sebastián Elcano”.
Mais alá do carácter tardío desta decisión, cómpre valorar positivamente a desaparición dunha denominación que supoñía a homenaxe a un militar golpista e que participou activamente na cruenta represión desenvolvida logo do golpe militar de 1936. No tocante á escolla do novo nome do centro, consideramos que se debeu ter en conta a existencia dunha estreita vinculación da cidade de Pontevedra co mar e a ampla nómina de navegantes que fixeron historia nos mares do mundo.
Con respecto á organización, ideario e adscrición deste centro educativo, mantense nunha situación que se podería denominar “preconstitucional” e “preautonómica”, coa pervivencia de trazos propias doutra época e non acordes con un estado aconfesional:
- O centro depende da Dirección de Asistencia do Persoal da Armada e ten a consideración de “Centro de Ensino Privado”. A xestión do centro corresponde a unha Xunta de Goberno e Administración composta por Oficiais da Escola Naval Militar de Marín. Até o curso 2015-2016 a dirección técnico-pedagóxica do centro foi desempeñada pola Congregación das “Discípulas de Jesús”.
- A financiación corre a cargo dos orzamentos do Estado, o colexio depende da Xunta Superior de Acción Social da Armada mais está recoñecido como un centro de ensino privado.
- O ideario do centro inclúe entre os seus principios o seguinte: “O proxecto educativo inspírase nunha concepción cristiá do home e da vida”.
- O profesorado debe “aceptar sen reservas o ideario do colexio e actuar congruentemente co mesmo no exercicio das súas funcións docentes”.
- A metodoloxía establece que “se inculcará unha actitude de amor á patria, á Bandeira e ás Forzas Armadas”.
- O centro incumpre a normativa que regula o uso da bandeira española e doutras enseñas e bandeiras, así como a normativa autonómica na materia, xa que no exterior do edificio só ondea a bandeira española.
Luís Bará solicita que, en tanto non se aprobe e se faga efectiva a transferencia, se reformule o ideario, o proxecto pedagóxico e de organización do centro para adecualo ás esixencias dun sistema democrático que garanta a aconfesionalide e o pluralismo
A situación deste centro constitúe unha anomalía histórica e un anacronismo pedagóxico. Unha reliquia dos tempos en que foi creado, en plena Ditadura, para difundir valores propios dun rexime centralista, autoritario e uniformista. No tocante á súa adscrición ao Ministerio de Defensa (Xunta de Acción Social da Armada) é unha situación absolutamente anacrómica xa que as competencias educativas están transferidas á Xunta de Galiza. Non ten ningún sentido que a administración militar xestione centros de educación obrigatoria (Primaria e ESO) porque non ten competencias nesta materia. Neste sentido, o Ministerio de Defensa xa transferiu á Xunta varios centros educativos da comarca de Ferrolterra.
Por outra parte, ainda que ten a consideración de “centro de ensino privado”, o colexio está sostido integramente con fondos públicos do Ministerio de Defensa, o persoal docente está contratado pola administración, o persoal directivo así como o de apoio e servizos está formado por persoal militar e civil ao servizo da Armada .
Polo anteriomente exposto, o grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno/Comisión:
O parlamento insta ao goberno galego a demandar do goberno do Estado:
- A transferencia do colexio Juan Sebastián Elcano de Pontevedra (antigo colexio Salvador Moreno), que actualmente depende do Ministerio de Defensa, como paso necesario para a súa integración no sistema educativo público galego.
- O cumprimento da normativa estatal e autonómica que regula o uso das bandeiras.
- En tanto non se aprobe e se faga efectiva a transferencia, a reformulación do ideario, do proxecto pedagóxico e da organización do centro para adecualo ás esixencias dun sistema democrático que garanta a aconfesionalide e o pluralismo.
A situación deste centro constitúe unha anomalía histórica e un anacronismo pedagóxico. Unha reliquia dos tempos en que foi creado, en plena Ditadura, para difundir valores propios dun rexime centralista, autoritario e uniformista.
POC, Escrita, Interpela
- Como valora a Xunta de Galicia o feito de que o antigo colexio Salvador Moreno, agora denominado Juan Sebastián Elcano, teña a condición de “centro educativo privado” cando está financiando con fondos públicos e depende do Ministerio de Defensa?
- Que valoración lle merece ao goberno galego que un centro dependente da administración do Estado inclúa no seu ideario que o proxecto educativo “se inspira nunha concepción cristá do home e da vida” e que o profesorado deba “aceptar sen reservas” o ideario do colexio?
- Que medidas ten previsto adoptar a Xunta de Galiza no exercicio das súas competencias para velar polo cumprimento da normativa que rexe o uso de bandeiras?
- Ten previsto a Xunta solicitar do Estado a transferencia do citado centro, coa finalidade de exercer ás súas competencias en materia educativa e integralo na rede de ensino público obrigatorio de Galiza?
POP
- Ten previsto a Xunta solicitar do Estado a transferencia do antigo centro Salvador Moreno, agora denominado Juan Sebastián Elcano, coa finalidade de exercer as súas competencias en materia educativa e integralo na rede de ensino público obrigatorio de Galiza?