O BNG lamenta que o goberno non avanzara nada na implantación do grupo de emerxencia supramunicipal de Moraña
Moraña, 7 de maio de 2021. Na sesión plenaria do pasado 30 de marzo aprobouse a adhesión ao Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación de Municipios e as Deputacións Provinciais, para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais.
No convenio marco modificouse o mapa de emerxencias no cal o concello de Moraña deixa de estar incluído no GES da Estrada e pasa a crearse un GES en Moraña, do que dependerán concellos da nosa contorna desde o punto de vista das emerxencias.
O BNG lamenta que o goberno municipal non teña avanzado ningún traballo sobre unha implantación planificada e correcta do futuro GES de Moraña
O BNG apoiou de xeito crítico a adhesión ao Convenio, xa que é evidente que se mellorarán determinados aspectos, como son os tempos de resposta das emerxencias no noso Concello. Unha eiva que viñamos arrastrando de hai tempo, xa que en moitos puntos de Moraña a atención estaba por encima dos 30 minutos en tempo de resposta, que supoñía estar por encima dos 20 minutos que recomenda a UE. A este respecto, dende o BNG queremos lembrar, poñer en valor e agradecer o inmenso e extraordinario traballo feito polos/as voluntarios de Protección Civil de Moraña durante todos estes anos, un traballo moitas veces agochado e incluso denostado e menosprezado por parte dos gobernos do Partido Popular.
Non obstante, o BNG xa lle transmitiu ao goberno municipal do PP en Moraña no pleno do pasado 30 de marzo as dúbidas a respecto do gasto que conlevará isto para o noso concello e a repercusión que terá finalmente na nosa poboación e tamén a preocupación da propia implantación do GES en Moraña, xa que puidemos comprobar que nese momento o goberno non tiña nada feito nin planificado.
É por iso que o BNG critica que o goberno, despois de máis dun mes, non teña avanzado ningún traballo sobre unha implantación planificada e correcta do futuro GES de Moraña. Non é de recibo que a día de hoxe non coñezamos en que instalacións se vai
ubicar este servizo, con canto persoal vai contar, con que medios contará, de que orzamento disporá, como van ser os procesos de contratación do persoal, e se realmente todo este esforzo repercutirá o suficiente no noso concello, tendo en conta o esforzo feito etc, etc, etc.
Moraña merece un goberno que esté a altura das circunstancias, que planifique os servizos de futuro para Moraña, e non un gobierno que se atope absolutamente paralizado e a remolque
O goberno do PP segue inmerso na súa parálise de xestión, e non é quen de facer unha xestión áxil, eficaz e rigorosa nas cuestións importantes para Moraña, como son neste caso as emerxencias de atención á cidadanía. Para o BNG este é un dos moitos exemplos polos que se fai evidente cada vez máis que Moraña merece un goberno que esté a altura das circunstancias, que planifique os servizos de futuro para Moraña, e non que se atope absolutamente paralizado e a remolque, tal e como nos leva demostrando o actual goberno liderado polo Sr. Cela dende o inicio do seu mandato.