O PP VOTA EN CONTRA DA INICIATIVA DO BNG

O BNG acusa á Xunta de ocultar información sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ENCE-ELNOSA e pide medidas inmediatas para protexer á poboación e a ría

2017-07-10-12.06-Elnosa
O BNG acusa á Xunta de ocultar información sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ENCE-ELNOSA e pide medidas inmediatas para protexer á poboación e a ría

6 de maio de 2021. A través dunha proposición non de lei debatida na comisión de Medio Ambiente sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ENCE e ElNOSA e as medidas previstas polo goberno galego, o deputado do BNG, Luís Bará afirmou que a Xunta está máis preocupada por “ocultar e tapar a información” que por dar unha resposta á alarma social creada tras coñecer un informe do director de ENCE no que afirmaba que os índices de contaminación superaban os establecidos por lei e afectaban ás augas superficiais e subterráneas.

A Xunta, explicou o nacionalista, ten un prazo para remitir esta información e de non facelo, avanzou “o BNG se personará na consellería para reclamar os informes”. Estamos fartos e fartas de que sexan “vulnerados os dereitos dos deputados e deputadas” e que a Xunta non remita ao Parlamento galego a información.

Luís Bará denuncia vulneración dos dereitos dos deputados e deputadas e avanza que de non ser remitida a información, o BNG reclamará na propia consellería os informes 

Bará reiterou que, a día de hoxe non foi enviado “ningún” dos informes solicitados e  urxiu á Xunta a adoptar “medidas de carácter inmediato” para dar resposta á alarma social. 

O nacionalista lembrou que nun escrito do director da fábrica de ENCE,  enviado á dirección xeral de Calidade ambiental no mes de febreiro, aludía ás analíticas advertindo de índices de contaminación que superaban os establecidos por lei e que afectaban aos terreos das fábricas de ELNOSA e ENCE ademais  das augas superficiais e subterráneas.

ENCE ten que saír da ría de Pontevedra

Segundo a propia ENCE, afirmou Bará, a contaminación está relacionada cos proxectos de desmantelamento da antiga fábrica de ELNOSA que até os anos 2000 formaba parte da mesma empresa sendo a encargada de subministrar o cloro para o branqueo da pasta de celulosa. Para o deputado, estamos “pagando as consecuencias dunha ubicación inadecuada do complexo industrial”, dende os anos 60 que fan necesaria a súa saída da ría de Pontevedra.

No devandito escrito, engadiu Bará, o director de ENCE afirma non comprender como non foron tomadas as medidas de contención da contaminación para evitar a afección do solo colindante e as augas subterráneas, ante uns resultados “cada vez máis elevados” e moi dispares dun día a outro dende que comezaron as obras de desmantelamento de ELNOSA.

Bará salienta que o director de ENCE confirma que os índices de contaminación superaran os límites establecidos por lei 

Con respecto as obras remarcou que a Xunta é a responsábel do control dos solos e de informar ao Concello de Pontevedra, aos concellos afectados e á veciñanza. A realidade é que non se produciu tal información, e a Xunta, en todo este tempo “non dixo nin pío”.  

Hoxe, casualmente e coincidindo co debate desta proposición, chegou un escrito ao Concello de Pontevedra, de catro páxinas, sen ningunha mención ás analíticas e informes. O deputado cualificou este proceder de  “falta de respecto institucional e á poboación que está preocupada”.

A proposición nacionalista para informar ao parlamento sobre os riscos pola contaminación por mercurio, elaborar un plan de vixilancia e control  do solos do complexo industrial e poñer en marcha medidas urxentes para protexer á poboación e os bancos marisqueiros, foi rexeitada polo Partido popular.

O BNG acusa á Xunta de ocultar información sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ENCE-ELNOSA e pide medidas inmediatas para protexer á poboación e a ría