LUÍS BARÁ VÉN DE PRESENTAR DIVERSAS INICIATIVAS NO PARLAMENTO PARA DAR RESPOSTA A UNHA DEMANDA DA VECIÑANZA E DO CONCELLO DE POIO
O BNG insta á Xunta a colocar un paso de peóns e unha zona de carga e descarga na PO-308 en Poio
Poio, 9 de decembro de 2021. A Xunta de Galiza levou a cabo recentemente obras de mellora da estrada PO-308 entre O Covelo e Raxó, no concello de Poio. As actuacións, que supuxeron un investimento de 4,3 millóns de euros, incluiron a construción dunha senda de 3,7 km desde Samieira a Raxó e outras obras complementarias, así como, a mellora da seguridade viaria nun TCA mediante a construción de varias semiglorietas e dúas glorietas para faciliar os xiros, accesos e saídas nas interseccións.
As obras supuxeron unha mellora da seguridade nesta estrada, pero deixaron atrás varios aspectos que compre corrixir. Así, o Concello de Poio demandou por escrito e en diferentes xuntanzas, varias actuacións complementarias para corrixir as deficiencias detectadas, nomeadamente aquelas relacionadas coa mellora da seguridade peonil.
Por parte da veciñanza tamén se trasladaron á Xunta diversas peticións, avaladas por 697 sinaturas de persoas afectadas pola deficiente execución das obras na recta do Laño. Unha das principais demandas do Concello e da veciñanza consiste na construción dun paso peonil e na recuperación dunha zona de carga e descarga que había na zona, á altura do km 9,400, antes de realizar a reforma.
En relación con esta demanda existe un informe da policía local de Poio que fai referencia a un establecemento comercial que xera moita mobilidade de persoas e vehículos, así como a unha intersección que comunica o Camiño do Salgueiral coa baixada á praia do Laño. A este respecto, faise constar que o paso de peóns máis próximo está situado da 600 m desta zona.
O informe da policía local de Poio avala “a viabilidade de colocar un paso de peóns limitando a velocidade da vía neste punto a 50 km/h e espazo suficiente para a instalacións dunha zona de carga e descarga no lateral dereito da vía en dirección Sanxenxo”.
Días atrás Deputado Luís Bará, acompañado do alcalde de Poio e as concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, visitou o punto quilométrico no que se demandan as melloras e anunciou a presentación de diversas iniciativas parlamentarias para que a Xunta acometa as melloras demandadas tanto pola veciñanza como polo Concello de Poio, e garantir así unha mellor seguridade para os peóns.