O BNG inicia unha ofensiva en defensa da serra do Suído e contra a invasión eólica

Foto-grupo-Suído-3-copia-2
O BNG inicia unha ofensiva en defensa da serra do Suído e contra a invasión eólica

Responsábeis do BNG de cinco comarcas (Pontevedra, Vigo, O Condado-Paradanta, O Ribeiro e O Carballiño), o alcalde de Mondariz Xosé Emilio Barros, o tenente de alcalde Leopoldo Tato, as concelleiras de Covelo Laura Santiso e Belén Carballo, o responsábel local de A Lama, Antonio Barreiro, o  deputado provincial de Ourense Bernardo Varela e os deputados no parlamento galego Noa Presas, Alexandra Fernández, Manu Lourenzo e Luís Bará mantiveron un encontro nas inmediacións do foxo do lobo de Campo, no Lombo da Serra, concello de Covelo, para denunciar os megaparques eólicos que poñen en risco hábitats declarados de interese prioritario pola Unión Europea como as turbeiras altas activas, as matogueiras húmidas atlánticas e os bosques aluviais de ameneiros e freixos. Por outra parte, os proxectos que están a tramitación non teñen en conta a declaración da Serra do Suído como Área de Especial Interese Paisaxístico. Diante da ameaza de destrución irreversíbel de ecosistemas de grande valor ambiental, a representación nacionalista demandou a paralización cautelar destes proxectos e o estudo de alternativas compatíbeis con un desenvolvemento racional e equilibrado do territorio. 

Cargos nacionalistas demandan á Xunta a paralización cautelar de megaparques eólicos que arrasan o territorio e ameazan hábitats de interese prioritario

O BNG considera que os 20 proxectos eólicos previstos no Suído, O Faro de Avión e A Paradanta conforman un megaparque industrial e responden a unha visión economicista, depredadora e de espolio dos recursos locais, que conta co beneplácito e o impulso da Xunta do PP. E están promovidos por empresas do oligopolio eléctrico que procuran maximizar beneficios sen importarlles os graves impactos negativos da construción de pistas de acceso, instalación de aeroxeradores, construción de subestacións e redes de evacuación de enerxía.

Foto-grupo-Suído-1-copia

Propostas en defensa dun desenvolvemento equilibrado e harmónico do territorio

Fronte a este modelo extractivo, o BNG defendeu un plan plurianual de dinamización socioeconómica e o desenvolvemento sustentábel liderado pola Xunta de Galiza en coordinación cos concellos e deputacións e coa participación das entidades sociais da zona.

Ademais, o grupo nacionalista anunciou a presentación dos vindeiros días de iniciativas no parlamento galego, nas deputacións e nos concellos para reclamar a integración da serra do Suído e do Alto Tea na Rede Natura, a protección dos humidais, das nacentes e das concas dos ríos Avia, Tea, Oitavén e Verdugo; e a declaración como Ben de Interese Cultural, na modalidade de paisaxe cultural, do extraordinario patrimonio etnográfico da serra formado por chozas, cortellos, curralas, sesteiros e foxos do lobo, construídos coa técnica da “pedra seca” ou “cachotería en seco”, incluída na listaxe do patrimonio inmaterial da UNESCO en 2018.

Ademais, o BNG salienta a necesidade de avaliar e protexer a función do Suído como colector hídrico e o seu valor estratéxico para o subministro de auga ás comunidades locais e á área metropolitana de Vigo.

O BNG vai presentar nos vindeiros días iniciativas en defensa do Suído nos concellos de Beariz, Avión, A Lama, Fornelos, Covelo e Mondariz, nas deputacións de Pontevedra e de Ourense e no parlamento galego

Campaña de información e de mobilización social

Ademais de presentar iniciativas nas institucións, o BNG ten previsto iniciar neste mes de marzo unha campaña de información e mobilización social mediante a organización de charlas, roteiros, recollidas de sinaturas e reunións con colectivos sociais. O obxectivo desta campaña é alertar das irregularidades da tramitación dos megaparques eólicos debido á división fraudulenta dos proxectos en unidaders máis pequenas e á ausencia de avaliación ambiental conxunta de proxectos que comparten infraestruturas. Ademais, o grupo nacionalista presentará propostas alternativas para a dinamización e o desenvolvemento dos concellos da serra do Suído e do Alto Tea.

O BNG inicia unha ofensiva en defensa da serra do Suído e contra a invasión eólica