O BNG esixe que Educación atenda as demandas do IES de Soutomaior
Soutomaior, 12 de maio de 2021. O grupo municipal de Soutomaior esixiu no día de onte que a Consellaría de Educación atenda as demandas do IES de Soutomaior, un centro que foi inaugurado hai dous anos e que dende o mesmo día da súa inauguración está a dar problemas pola falta de espazos.
A este respecto o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, sinalou que “as veciñas de Soutomaior quedamos de últimos para ter un instituto e non contentos con isto trataron ata a última hora de colarnos un instituto só da eso con 12 unidades. Advertimos no seu momento que era necesario reformular o proxecto e que era unha irresponsabilidade meter 500 alumnos nun espazo pensado para 300. Naquel entón non fixeron caso porque a prioridade era cortar cinta antes das eleccións e agora é a comunidade educativa a que ten que pagar esta irresponsabilidade.
Manu Lourenzo: "A comunidade educativa de Soutomaior non merece este trato e se o PP non escoita o que se di no Pleno, no Parlamento Galego ou no Consello Escolar teremos que dicirllo na rúa, defendendo o dereito da veciñanza de Soutomaior a un ensino público digno”
Manu Lourenzo sinalou que levamos este tema ao parlamento hai dúas semanas e o PP opúxose a solucionar os problemas do noso alumnado, problemas como que non haxa prazas, como que nos días de choiva teñamos os nenos e nenas acinados nas clases ou de que non haxa espazos deportivos cubertos, salóns de actos ou que por non ter non temos nin unha cafetería dimensionada.
Manu Lourenzo sinalou tamén que agora é outra vez o consello escolar, nunha xuntanza á que por certo non asistiu ningún representante do goberno local, quen pon enriba da mesa estes problemas que o partido popular ven de negar hai escasos días.
"A comunidade educativa de Soutomaior non merece este trato e se o PP non escoita o que se di no Pleno, no Parlamento Galego ou no Consello Escolar teremos que dicirllo na rúa, defendendo o dereito da veciñanza de Soutomaior a un ensino público digno”, concluíu o portavoz do BNG