O BNG esixe que se cumpra o acordo parlamentar para a transferencia da AP-9

Intervención de Luís  Bará
Intervención de Luís Bará
O BNG esixe que se cumpra o acordo parlamentar para a transferencia da AP-9

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha moción demandando do goberno galego o cumprimento de todos os acordos  parlamentarios relacionados coa AP-9.

Na defensa da moción, Bará puxo de manifesto a “táctica do falso consenso” do Partido popular para enfriar  conflitos co fin de desactívalos como aconteceu, dixo,  coas protestas contra o Ministerio de Fomento, a Xunta e Audasa con acordos que despois “non cumpre”. Ademais criticou o acto de inauguración das obras “inacabadas” da ampliación de Rande.

O obxectivo da moción, explicou o deputado, é reclamar a “necesaria mellora” da xestión da AP-9 para poñer “freo aos abusos” e privilexios adquiridos pola concesionaria ao longo dos tempos. “Hai que pararlle os pés a Audasa e a Itinere, recalcou  quen tamén cualificou de “grande burla e escándalo” as interminábeis obras da ponte de Rande. Neste sentido, lembrou que as consecuencias das “obras inacabadas” sófrena sobre todo, as  persoas do Morrazo.

Na defensa da moción, Bará reclamou cumprir co acordo para a transferencia da AP-9 xa que son nove os acordos aprobados, tanto en pleno como en comisión, circunstancia que comparou aos moitos acordos sobre o ferrocarril que tamén seguen a mesma sorte que os da AP-9, e dicir, “sen cumprir”.

 

Submisión e servilismo do PP

Para o BNG, dixo, a transferencia da AP-9 é irrenunciable e advertiu que seguirá pelexando todo o tempo necesario para conseguila porque queremos unha AP-9 sen peaxes. O Estado dende o ano 2003 é o beneficiario da xestión e explotación desta infraestrutura con máis de 2.000M€ aos que sumou os beneficios da  concesionaria ata o ano 2048.

O nacionalista preguntou aos deputados e deputadas populares se continuaban pertencendo ao partido de Mariano Rajoy ante a diferencia do voto en Galiza e Madrid. “Vostedes aquí votan unha cousa e no Congreso a contraria” e a estas alturas xa non sabemos se seguen sendo do Partido Popular ou pasaron a ser de Ciudadanos.

Bará afirmou que o PP “ten tanta caradura política” que lle dá igual incluso xustificar “ese atraco” e non se ruboriza por andar todo o día de “ganchete co ministro de Fomento” que non escatima explicacións para xustificar a non transferencia da AP-9. Están aquí, para darlle a razón ao Estado, a Fomento e ao PP madrileño e por iso aceptan “este ninguneo”.

O deputado acusou ao PP galego de “submisión e servilismo” ao  PP madrileño pola  súa negativa a transferir a AP-9. Son vostedes “os tontos útiles” do PP madrileño e “un cero á esquerda na política do Estado”, apostilou.

“O PP hoxe pode  redimirse dos seus erros, estamos ofrecéndolle outra oportunidade para defender os intereses de Galiza e sobre todo a lexitimidade e dignidade deste parlamento que son  pisoteadas cando desprezan os acordos da Cámara galega. Plántelle cara a Rajoy e ao ministro de Fomento. Non lle poñan a alfonbra, non lle collan o maletín cando ven de visita a Galiza en actitude colonial e antepoñan os intereses de todos os galegos e galegas aos do Partido popular e de Audasa”.

O deputado lamentou que os votos en contra do PP impedirán que prosperase a moción do BNG que entre outros puntos reclamaba: Esixir ao Goberno do Estado un informe favorable á tramitación da lei para a transferencia da AP-9, dirixirse a Mesa do Congreso para tramitar a proposición de lei aprobada no Parlamento galego, medidas anti-ruído nas parroquias de Capela e Teis, minimizar o impacto das obras de ampliación da ponte de Rande, iniciar a construción do novo colexio da Igrexa de Chapela, acordar co Goberno do Estado que a supresión da peaxe entre Rande e Vigo non repercuta nunha nova subida das peaxes da AP-9, un protocolo de actuación para os casos de retención que levante as barreiras cando se formen colas de máis de 1 Km e elaborar cos concellos de Vigo e Redondela, en colaboración co Ministerio de Fomento, un estudo de mobilidade relacionada coa transformación en vía urbana do acceso á AP-9 a Vigo desde as Torres de Padín.

O BNG esixe que se cumpra o acordo parlamentar para a transferencia da AP-9