Pontevedra e Ciudad de México acorda impulsar o intercambio de investimentos
Na sea última xornada en México, asinouse un protocolo de colaboración entre Pontevedra e a Secretaría de Desenvolvemento Económico de Ciudad de México para impulsar o intercambio de investimentos
O Concello de Pontevedra asinou, na súa última xornada de traballo na capital mexicana, un protocolo de colaboración coa Secretaría de Desenvolvemento Económico (Sedeco) de Ciudad de México. O convenio foi rubricado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías e o secretario de Sedeco, José Francisco Caballero García, ante a presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que ratificou a sinatura.
Nun acto celebrado na propia sede de Sedeco, o alcalde dirixiu unhas palabras ao equipo da Secretaría e da comitiva de Pontevedra que presenciou a sinatura, agradecendo e destacando o peche de alianzas coma esta, tan importantes para o desenvolvemento económico da cidade de Pontevedra.
Pola súa banda, José Francisco Caballero García tamén subliñou a importancia que supón este acordo para Ciudad de México, que se atopa inmersa nun proceso de reorganización política e que ten como prioridade a recuperación dos seus espazos públicos. De aí, a importancia de mirar cara cidades como Pontevedra que poderán servir de inspiración para actuacións nas distintas colonias ou delegacións (futuras Alcaldías) nas que se distribúe a capital mexicana, que ten 8 millóns de residentes, pero atende a unha poboación diaria duns 22 millóns.
Ademais, tamén apostou por compartir inversións, especialmente naquelas industrias limpas que está a desenvolver a cidade, como a farmacéutica. Chegando, incluso, a realizar misións comerciais tanto de empresarios mexicanos a Pontevedra, como á inversa. A intención da Secretaría é enviar, nas vindeiras semanas, unha documentación coa carteira de inversores mexicanos interesados no acordo.
Outro dos asuntos aos que se referiron os responsables políticos foi o turismo. De feito, a delegación de Pontevedra trasladoulle ao departamento de desenvolvemento económico, que Pontevedra está a buscar inversións hoteleiras en Ciudad de México, un sector moi potente no país latinoamericano. Anabel Gulías destacou que “temos unha cidade preparada para recibir esa inversión, levada, sempre, por canles institucionais e con garantías”.
O protocolo
A sinatura deste acordo é froito da visita realizado o Concello de Pontevedra a Ciudad de México o pasado mes de agosto no marco da celebración de Expo Pymes, momento en que Pontevedra visitou a capital nunha misión comercial, acompañada de dez empresarios locais, e na que se abriron as portas para fortalecer a colaboración entre as partes.
O protocolo pretende formalizar unha relación bilateral para o crecemento de oportunidades económicas entre ambas partes, especialmente nas industrias máis avanzadas, a través do comercio, o investimento e a innovación.
Os obxectivos que se buscan son desenvolver e implementar iniciativas conxuntas e coordinadas nas seguintes áreas: Exportacións e investimento estranxeiro, Innovación e investigación, Educación e capital humano, Transferencia de coñecemento e innovación para negocio, Fortalecer os lazos culturais, históricos e económicos, e ampliar as oportunidades de negocio.
Con estes obxectivos, o protocolo, que terá unha vixencia de dous anos, desenvolverase, concretamente, nos seguintes ámbitos: desenvolvemento económico, exportacións, investimento estranxeiro directo, e innovación, investigación, educación e capital humano.
Centro Galego
Outra da citas que tiña a delegación de Pontevedra en Ciudad de México era a visita ao Centro Galego que tivo que ser suspendida ante o asasinato dun dos empresarios galegos radicados na cidade, José González, familiar moi achegado ao presidente actual do Centro Galego.
O alcalde de Pontevedra trasladou as condolencias a toda a comunidade galega residente na capital e emprazounos a ter próximos encontros tanto en Ciudad de México como en Galiza.