O BNG elixe por unanimidade a Natalia Camiña para encabezar a candidatura en Cuntis co obxectivo de lograr un futuro mellor para as veciñas e veciños
Cuntis, 11 de xaneiro de 2023. A Asemblea local do BNG de Cuntis refrendou por unanimidade a proposta do Consello local de que Natalia Camiña encabece a lista ás vindeiras municipais en Cuntis co obxectivo principal de traballar para que Cuntis abandone o declive que dos últimos anos e que, aproveitando ao máximo os seus recursos e potencialidades, encarrile a senda dun futuro mellor e con máis posibilidades.
Natalia Camiña é natural de Pena de Vilabar, na parroquia de Troáns, onde vive, ten 24 anos, é graduada en Química e traballa na actualidade nunha fábrica de Cuntis.
A responsábel local do BNG, Dores Chedas, destaca a súa xuventude, formación, capacidade de traballo, gañas, ilusión e coñecemento do concello.
A asemblea nacionalista destaca a súa formación, capacidade de traballo, compromiso, ilusión e gañas para traballar por facer de Cuntis un concello con futuro. Neste sentido, a responsábel local do BNG, Dores Chedas, quixo poñer en valor, a súa mocidade, a súa entrega e o seu compromiso para traballar por un futuro mellor para Cuntis. “A súa xuventude, formación e coñecemento de Cuntis fan dela a mellor persoa para liderar o proxecto do BNG para as municipais”, afirmou a responsábel nacionalista..
A candidata nacionalista, Natalia Camiña, aposta por poñer en valor os numerosos recursos de Cuntis, prestarlle a atención debida ás parroquias, e impedir que se continúen deteriorando os servizos públicos
“Cuntis non pode resignarse a seguir esmorecendo lentamente”, afirmou a candidata nacionalista, Natalia Camiña, que incidíu en que “o noso concello non pode seguir perdendo poboación e recursos, temos que traballar con intelixencia e ilusión para poñer en valor os numerosos recursos de temos, defender con máis forza os nosos servizos públicos fronte ao deterioro e desmantelamento dos últimos anos (un bo exemplo témolo no centro de saúde), e prestarlle a atención debida ás nosas parroquias, as grandes esquecidas do actual goberno municipal”.