O BNG pide unha auditoría de seguridade viaria na N-541
Pontevedra, 30 de decembro de 2022, c O deputado nacionalista Luís Bará fixo hoxe unha valoración da situación da estrada nacional N541 e da cobertura das emerxencias na zona, e anunciou iniciativas no parlamento e nos concellos sobre estes temas, sobre os que o BNG levan anos chamando a atención con mocións nos concellos, enmendas aos orzamentos tanto do Estado como da Xunta e propostas no Congreso e no Parlamento galego.
Segundo Bará “O tráxico accidente do autobús en Pedre, que segou a vida de sete persoas, volveu poñer de relevo os problemas de seguridade viaria na estrada 541 así como a deficiente cobertura das emerxencias nesta zona. Desde o máximo respecto ás vítimas deste dramático accidente e ás súas familias, o recoñecemento ao extraordinario labor dos servizos de emerxencias -que tiveron que traballar nunha condicións extremas- e o respecto á investigación sobre as causas do sinistro, o BNG quere poñer de relevo unha serie de feitos que son coñecidos desde fai tempo e foron denunciados en reiteradas ocasións.
Tendo en conta a elevada sinistralidade nesta estrada, o grupo nacionalista reclama unha mellora integral do firme, da sinalización e da drenaxe das augas pluviais
1) Mal estado da estrada N 541 entre Soutelo e Pontevedra e necesidade dunha mellora integral do firme
Resulta evidente o desgaste da plataforma e o mal estado do firme, que foi obxecto de diversas reparacións parciais mais leva máis de 20 anos sen unha reforma integral. O deterioro do pavimento é manifesto en moitos treitos, o que contribúe á acumulación de auga debido á deficiente drenaxe.
2) Deficiencias no enlace entre a N541 e a estrada de Serrapio (PK no que se produciu o accidente)
Trátase dun punto problemático, polo deseño desta conexión, a confusión que xera no tráfico, a deficiente sinalización viaria e a acumulación de auga na calzada. Cómpre ter en conta que a construción do novo enlace de Serrapio incrementou a cantidade de auga que chega á N541 e que non existe un axeitado sistema de canalización e drenaxe. As persoas usuarias da vía tamén chaman a atención sobre os problemas de visibilidade da sinalización horizontal, sobre todo pola noite e con mal tempo.
3) Necesidade dun estudo e unha auditoría se seguridade viaria
Ante as deficiencias sinaladas e a reiteración de accidentes con saída de vía, o BNG considera necesario levar a cabo unha auditoría xeral de seguridade viaria para identificar os principais problemas e os posíbeis puntos negros, e adoptar as medidas necesarias para corrixir as deficiencias.
O BNG tamén volverá a demandar no parlamento galego a mellora da cobertura de emerxencias na “zona de sombra” de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Moraña, Ponte Caldelas e A Lama
Demanda de mellora da cobertura das emerxencias no interior da provincia de Pontevedra
Ademais, o BNG vai volver demandar a mellora da cobertura das emerxencias na zona de sombra dos concellos de de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Moraña, Ponte Caldelas e A Lama, no que o tempo de resposta supera a media hora recomendada e nalgúns puntos pode chegar a unha hora. Cómpre ter en conta que esta zona cóbrese desde as bases dos consorcios provinciais de bombeiros de Silleda (até o antigo concello de Cerdedo), de Ribadumia e de Bueu.
Lembramos que en novembro de 2019 o parlamento galego aprobou unha proposición, a instancias do BNG, na que se instaba á Xunta e á Deputación a estudar e acordar unha solución para darlle unha cobertura axeitada ás emerxencias nos citados concellos do interior da provincia. Pasados xa máis de tres anos desde aquel acordo, non se fixo nada ao respecto e a Xunta segue sen revisar o mapa de emerxencias e sen levar a cabo a comarcalización dos parques de bombeiros.