O BNG denuncia que continúan os problemas no subministro eléctrico en Cerdedo-Cotobade, ante a pasividade do goberno municipal

Ernesto Filgueira
Ernesto Filgueira
O BNG denuncia que continúan os problemas no subministro eléctrico en Cerdedo-Cotobade, ante a pasividade do goberno municipal

Cerdedo-Cotobade, 29 de xaneiro de 2025. “Chove sobre mollado”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira diante dos contínuos cortes de subministro eléctrico que padece Cerdedo-Cotobade. “Días nos que hai parroquias enteiras sen luz (Tenorio, Viascón, San Xurxo) ou nas que o subministro eléctrico falla durante horas (Almofrei, Loureiro, Borela, Carballedo,  Valongo, Quireza, Cerdedo..). Onte mesmo, sen ir máis lonxe, o colexio de Tenorio estivo sen electricidade e a escola infantil sen luz, nin calefacción. É hora de dicir Basta !”, afirmou o portavoz nacionalista.

Non é un problema novo. Repítese reiteradamente, a pouco que chova ou vente, e sen que sexa preciso a chegada dun temporal. No PP sábeno ben, e pouco lles importa, porque reiteradamente votan no concello en contra das propostas do BNG de esixirlle á empresa subministradora que mellore un tendido que fai auga por todas partes.

Calquera que coñeza a situación dos tendidos eléctricos no noso concello saben que están obsoletos, e que temos postes de madeira que fenden con facilidade, tirando os tendidos e creando moitos prexuizos á veciñanza, ao tecido económico e á comunidade educativa. Somos unha potencia eléctrica. Exportamos boa parte da electricidade que producimos para xerar riqueza noutros territorios, mentres aquí temos unhas infraestruturas eléctricas incapaces de darlle aos nosos veciños e veciñas un mínimo servizo de calidade.

Telefonía fixa e Fibra óptica

Aos contínuos problemas co subministro eléctrico hai que engadir os fallos constantes na telefonía fixa e na fibra, unha fibra que, por certo “vostede prometeu que en 2023 chegaría ao 100% de Cerdedo-Cotobade. Estamos en 2025, e as súas promesas, máis unha vez, fóronse co vento”, afirmou Ernesto Filgueira.

“É hora de que o alcalde de Cerdedo-Cotobade deixe de poñerse de perfil e plante cara dunha vez por todas”, afirmou Filgueira. “Éncheselles a boca falando da importancia de revitalizar o rural, pero á hora de actuar para crear as condicións  para que se poida vivir dignamente, nada de nada”.

Ernesto Filgueira: “Agora que estamos no ano Castelao, sr. Cubela, mexan por nós e temos que dicir que chove? Espabile e actúe” 

“Os problemas contínuos co subministro eléctrico, ou coa fibra óptica, súmanse ao deterioro de servizos tan básicos como a sanidade pública, a perda da oficina bancaria de Carballedo ou a mala cobertura no mapa de emerxencias. E temos que buscarlle solucións, con seriedade e con firmeza. Estar de brazos cruzados só fai que a situación se vaia deteriorando máis e máis” .

“Se non conseguimos manter e acrecentar servizos, será moi difícil frear a sangría demográfica que levamos anos padecendo. Desde a fusión, en 2016, en Cerdedo-Cotobade perdemos máis de 300 veciños e veciñas, unha cifra abultada que fala por si soa”.

“Agora que estamos no Ano Castelao, señor Cubela, permítame que recorra ao ilustre nacionalista galego. Visto o visto parece que  “mexan por nós e ten que dicir que chove”. Non son tempos  de estar calados. Espabile e actúe. E o que lle demandamos desde o BNG e o que lle demandan, a bo seguro, a maior parte dos nosos veciños e veciñas”, concluíu o portavoz nacionalista

O BNG denuncia que continúan os problemas no subministro eléctrico en Cerdedo-Cotobade, ante a pasividade do goberno municipal