Xavier Monteagudo: “Marcámonos como obxectivos consolidar e acrecentar a organización, dar resposta ás necesidades de Barro e traballar para conseguir máis cedo que tarde un goberno nacionalista na Galiza”

De esquerda a dereita Xavier Monteagudo, Xosé Manuel Fdez Abraldes e Santi Pazos

Barro, 29 de xaneiro de 2025. A militancia do BNG de Barro, dentro do marco do proceso de renovación dos órganos de dirección local após  XVIII Asemblea Nacional, vén de elexir, por unanimidade, a Xavier Monteagudo como novo responsábel do BNG na localidade, tomando así o relevo de Santi Pazos, de quen louvou o seu compromiso e o seu traballo para conseguir que o nacionalismo en Barro estea plenamente consolidado.

“Non imos inventar nada novo. Imos seguir pola mesma senda que transitamos os últimos anos, e que nos levaron a afianzar e facer medrar a nosa organización. Porque só cunha organización forte e dinámica seremos quen de dar resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas e manter a Barro como un concello de referencia en canto a calidade de vida”, afirmou o recén eleito responsábel local.

“O noso obxectivo é seguir traballando por un Barro cada día mellor, con máis servizos e máis oportunidades, afianzando unha alcaldía que, baixo a dirección de Abraldes, marcou e está a marcar, un antes e un despois na vida municipal, facendo de Barro un concello aberto, participativo e eficaz, que mellora a vida das persoas”.

“Pero temos tamén outro obxectivo: estender o modelo BNG de concellos abertos e eficaces a todo o país”, afirmou Monteagudo. “Somos nacionalistas, e non pararemos até lograr un goberno nacionalista na Galiza que lle dea a este país o que necesita.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, agradeceu o intenso traballo levado a cabo tanto por Santi Pazos á fronte da organización coma por Xavier Monteagudo García., que  “a pesar da súa xuventude,  con apenas 26 anos, ten xa unha dilatada experiencia política, e leva anos sendo un dos piares do BNG local. Estou certo que estamos en boas mans, e así o acreditou a organización, ao avalar por unanimidade a súa candidatura”.