O goberno municipal de Valga adxudicou a instalación de 138 luminarias a unha empresa cunha oferta anormalmente baixa, e tres meses despois, máis da metade están fundidas
Valga, 29 de xaneiro de 2025. O 10 de setembro de 2024 o Concello de Valga publicaba no portal de Contratos Públicos de Galiza a licitación para o subministro e instalación de 138 luminarias, por un importe de 39.879,28 euros. Como é habitual por parte do goberno municipal, o prego de cláusulas administrativas non incluíu ningún criterio para determinar o carácter desproporcionado do prezo ofertado e tampouco fixou ningún parámetro obxectivo que sinalara unha anormalidade respecto da totalidade da oferta económica.
Este feito, ademais de ser un incumprimento da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que no seu artigo 149.b indica que neste tipo de licitacións téñense que “establecer os parámetros obxectivos que deberán permitir identificar os casos no que unha oferta se considere anormal, referidos á oferta no seu conxunto”, fai que o único factor que decidiu a adxudicación fose o económico.
Como consecuencia do descrito anteriormente, das dez empresas que se presentaron ao concurso, a gañadora foi a que ofertou unha maior baixa económica, un 22%, case 8.000 euros respecto do importe de licitación. Esta cifra está moi por enriba da media, que sería dun 8% considerando as dez ofertas, e dun 6% exceptuando á adxudicataria final. Isto supón un grave risco, xa que a oferta gañadora representa uns valores anormais e desproporcionados que claramente non podería cumprir coas esixencias dos pregos de condicións.
No Reguengo non funcionan 29 luminarias, nos Vilares 17, nas Cernadas 17 e na estrada que vai de Ponte Valga ao Centro de Saúde de Baño 7, co consecuente prexuízo que isto supón para os veciños das aldeas afectadas e que se leva prolongando no tempo semanas
"Malia todas estas evidencias, o goberno municipal considerou que a oferta máis barata era a máis idónea para o subministro e instalación das 138 luminarias. Menos de tres meses despois da finalizar coa instalación dos novos puntos de luz, 70 luminarias están fundidas, repartidas polas aldeas do Reguengo, Os Vilares e As Cernadas, mais tamén na estrada que vai de Ponte Valga ao Centro de Saúde de Baño (EP-8506)", afirma o portavoz do BNG, Fran Devesa.
O BNG de Valga ten denunciado en reiteradas ocasións a publicación de licitacións que incumpren a Lei de Contratos do Sector Público e que teñen como consecuencia a deficiente execución dos contratos. Este é un exemplo máis que se engade a outros moitos e que pon de manifesto a falta de rigor na redacción dos pregos de cláusulas administrativas das licitacións municipais, e que ten como un dos responsables ao despacho de avogados Martín Gómez Abogados, S.L.U., o actual adxudicatario do servizo de asesoría xurídica municipal, o mesmo ao que o Concello de Valga abonará os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde e ao secretario, malia que este servizo ten incluída a defensa xurídica.