O BNG denuncia a estratexia de lodo do PP de Barro e esixe desculpas e a dimisión do seu portavoz
Barro, 12 de decembro de 2025. O BNG de Barro denuncia as gravísimas acusacións vertidas polo PP de Barro, quen de maneira velada pero inequívoca, acusa de enchufismo ao concello de Barro, por un proceso de selección de persoal que acaba de comezar na localidade para un posto de operario de servizos múltiples. O PP, sen achegar nin unha soa proba, pretende poñer en dúbida a limpeza, a transparencia e a profesionalidade dun proceso selectivo municipal absolutamente legal, aberto e garantista.
Estas declaracións do PP non só son irresponsables, senón que supoñen un ataque directo á integridade e ao bo nome do persoal público que forma parte do tribunal de selección, persoas funcionarias cualificadas, independentes e alleas a calquera tipo de decisión política.
Defensa do persoal público e da imparcialidade dos tribunais
Cómpre lembrar que no tribunal de selección non hai ningún cargo político, nin do BNG nin de ningunha outra formación, e que está composto por persoal técnico cualificado doutras administracións públicas. O tribunal fórmano 5 persoas, das cales a maioría delas son alleas ao concello de Barro, como se fai sempre en Barro e como se leva feito nos catro procesos de selección de persoal que se levaron a cabo este ano no concello. As persoas que integran o tribunal son dúas de Barro, unha do concello de Caldas e outras dúas de Moraña e da Deputación, precisamente administracións gobernadas polo PP.
Resulta, cando menos, contraditorio que o PP cuestione a imparcialidade de profesionais pertencentes a administracións que eles mesmos gobernan, deixando en evidencia unha estratexia de deslexitimación que non busca transparencia, senón intentar erosionar a imaxe do concello de Barro.
Un Concello que traballa con seriedade fronte á política do lodo
En Barro, todos os procesos de contratación e selección de persoal son abertos, públicos, transparentes e absolutamente limpos, con bases publicadas, criterios obxectivos e tribunais técnicos independentes. Así foi sempre e así seguirá sendo mentres o BNG estea no goberno municipal.
Non imos permitir que o PP tente manchar o nome do Concello de Barro e do BNG, nin o traballo serio e rigoroso que se vén desenvolvendo desde o goberno local e desde o conxunto da administración municipal.
As declaracións do PP parecen responder á idea de que todas as forzas políticas actúan do mesmo xeito que o farían eles se tivesen ocasión, unha visión profundamente cínica da política que non compartimos nin imos aceptar.
Leccións de ética, as xustas
Resulta especialmente rechamante que o PP de Barro pretenda dar leccións de ética cando, en concellos da contorna gobernados polo seu propio partido, se produciron recentemente situacións aberrantes. Sen ir máis lonxe, no concello veciño de Valga vén de contratarse nun proceso selectivo á filla dunha concelleira do PP, nun procedemento cuxas bases foron impugnadas polo propio Colexio Profesional de Traballo Social, ao puntuar para un posto da área de servizos sociais unha titulación de Dereito por riba das titulacións específicas da rama, coincidindo coa titulación da persoa finalmente contratada.
Por decencia política, antes de lanzar sospeitas infundadas, o PP debería revisar as súas propias prácticas e o seu modelo de xestión municipal.
Esixencia de responsabilidades políticas
As acusacións vertidas polo PP de Barro non son unha crítica política máis: son unha descualificación grave dunha institución pública e do persoal empregado público que actúa con independencia e profesionalidade.
Por este motivo, o BNG de Barro esixe ao portavoz do PP de Barro, Víctor Sánchez Oubiña, que pida desculpas de maneira inmediata polas súas declaracións e que nun exercicio mínimo de responsabilidade democrática presente de inmediato a súa dimisión como membro da corporación municipal.
O BNG de Barro seguirá defendendo un modelo de xestión municipal transparente, serio e rigoroso, como vén demostrando ao longo dos últimos dez anos de goberno nacionalista en Barro, nos que todos os procedementos administrativos se desenvolveron con garantías legais, respecto absoluto ao persoal público e pensando unicamente no interese xeral da veciñanza. Fronte á política do ruído, da sospeita permanente e do lodo, o BNG seguirá traballando con responsabilidade, honestidade e compromiso co bo nome das institucións públicas.