O BNG anima a consumir no comercio local

Campaña comercio local
Presentación campaña comercio local
O BNG anima a consumir no comercio local

Pontevedra, 12 de decembro de 2025. O BNG ven de lanzar unha campaña para incentivar a compra no comercio local, baixo o lema “Mellor local. Mellor galego”, porque garantir un comercio de proximidade con futuro pasa por mudar hábitos, apostar polo produto local, defender as persoas autónomas para, desta maneira, construírmos unha economía máis xusta e máis galega. 

A aposta polo consumo de produtos galegos e polo comercio de proximidade debe ser o camiño. Non é só unha cuestión económica: é cohesión social, equilibrio territorial e defensa do noso futuro produtivo. Cun apoio decidido ao comercio local, podemos xerar emprego digno, dinamizar a vida económica e social e garantir que a riqueza producida aquí, fique aquí. 

“O BNG defende un marco comercial que protexa as pequenas tendas, que garanta condicións xustas para as persoas autónomas e que revitalice os mercados locais e as zonas comerciais tradicionais. Apostamos por un país que produza, transforme e venda o seu, sen depender das imposicións das grandes cadeas nin das plataformas dixitais que impoñen prezos e condicións”, afirmou a responsábel comarcal do BNG, Ana Peralba.

Desde o BNG demandamos:

  • Unha nova lei do Comercio local, que regule horarios e rebaixas, aposte na protección e promoción do comercio de proximidade e permita desenvolver un plan de ordenación comercial.
  • Promover o consumo de produtos locais e galegos (a comezar pola súa inclusión nos comedores públicos dependentes da Xunta de Galiza), incentivando a etiquetaxe en lingua galega. 
  • Frear as grandes superficies comerciais cunha moratoria que impida a instalación de máis macrocentros, que só benefician os intereses do grande capital transnacional e desertizan o comercio de proximidade. 
  • Fomentar a produción alternativa e ecolóxica e o seu consumo, como unha opción máis saúdabel, sustentábel e que permite unha economía circular. 
  • Impulsar unha marca galega de calidade e identificación da orixe para produtos hortícolas, pesqueiros e marisqueiros.
  • Garantir prezos xustos para quen produce, de maneira especial no leite, na horta e no mar. 
  • Despregar liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade e promover alternativas galegas de venda en liña. 
  • Ofrecer axudas para a creación e mellora de establecementos que comercialicen produtos autóctonos. 
  • Defender os dereitos das traballadoras e traballadores autónomos: cotizacións xustas segundo ingresos, formación, apoio ao relevo xeracional, liñas de crédito preferentes e axudas directas para modernizar instalacións e dixitalizar comercios. 

Porén, en contraposición, a política do PP na Xunta de Galiza, continúa apostando por un modelo de consumo que favorece as grandes superficies e o capital transnacional, mentres deixa cada vez máis desprotexidos o sector primario, a industria de transformación e o comercio de proximidade.un modelo que empobrece o país: espreme as persoas autónomas, limita o futuro dos pequenos negocios e mesmo condiciona os nosos hábitos de vida cara formas de lecer e consumo cada vez máis deshumanizadas, ecoloxicamente insustentábeis, e dependentes de grandes plataformas e corporacións. 

Para o BNG as traballadoras e traballadores autónomos son unha peza esencial da economía galega, sostendo milleiros de pequenos negocios, talleres, comercios e iniciativas emprendedoras que dinamizan e xeran riqueza e emprego nas nosas cidades, concellos, vilas, barrios e parroquias. Por iso defendemos medidas que lles garantan estabilidade e condicións xustas: cotizacións adaptadas aos ingresos reais, menos burocracia, máis protección social, acceso a financiamento e apoio á dixitalización. Apoiar o traballo autónomo é fortalecer a economía local e o futuro da Galiza. 

O BNG anima a consumir no comercio local