O BNG denuncia a discriminación de Poio nos orzamentos da Xunta
Marga Caldas salienta que o proxecto de orzamentos segue ignorando dúas actuacións vitais para o desenvolvemento de Poio: a mellora integral da PO-308 e o Vial do Vao
Poio, 31 de outubro de 2022. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, a concelleira e candidata á alcaldía, Marga Caldas e o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, avaliaron o proxecto de orzamentos da Xunta para o 2023 como decepcionantes e que certifican a discriminación do concello de Poio xa que non contemplan ningunha das grandes, necesarias e urxentes infraestruturas para o desenvolvemento do concello e para a mellora da calidade dos seus veciños e veciñas.
De feito, Luís Bará informou que no proxecto de orzamentos só se contemplan pequenas partidas previamente comprometidas, algunha das cales están pendentes desde hai “moitísimos anos”.
Os tres incidiron na necesidade de acometer de forma urxente a mellora integral da PO-308 nos treitos A Barca-Andurique e Travesía de Combarro, unhas zonas de grande densidade de tráfico onde se producen con demasiada frecuencia accidentes con graves consecuencias, unha demanda reiterada en numerosas ocasións polo Concello de Poio, así como a construción do Vial do Vao, un vial de 600 metros e un orzamento de 2,2 millóns de euros, que xa estaba previsto no Plan MOVE de 2010 e que tiña que estar rematado xa no 2015.
A candidata á alcaldía de Poio polo BNG, Marga Caldas, afirmou que é urxente acometer estas melloras, xa que sen elas “estará mermada a posibilidade de desenvolvemento do municipio e non haberá nin accesibilidade nin seguranza viaria nestas zonas tan densamente poboados”.
Tanto Luís Bará, como Marga Caldas e Luciano Sobral anunciaron que o BNG vai presentar emendas aos orzamentos para que se inclúan estas e outras actuacións vitais para o municipio, e que se anunciarán nos vindeiros días.