O BNG urxe a mellora da cobertura das emerxencias en Cerdedo-Cotobade
Cerdedo-Cotobade, 6 de outubro de 2022. “Boa parte do noso concello está no que se dá por chamar zonas de sombra, ao contar con tempos de resposta a emerxencias moito maiores do que se considera unha resposta axeitada”, afirmou o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, quen lembrou que xa en 2019 “levamos ao concello e ao Parlamento galego unha iniciativa para a Xunta e a Deputación, en colaboración cos concellos, estuden e acorden unha solución para darlle unha cobertura ás emerxencias, adecuada ás necesidades actuais”.
Compre lembrar a Lei de emerxencias de 2007 delimita as competencias da Xunta e das entidades locais, concellos e deputacións, na prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento, e, en virtude da mesma, para os concellos de menos de 20.000 habitantes, prevese que as Deputacións provinciais colaboren na prestación de servizo, e a tal efecto creáronse os Consorcios Provinciais de Bombeiros, cofinanciados pola Xunta e as Deputacións.
A citada lei atribúlle ao Consello da Xunta “a dirección e coordinación da protección civil e da xestión de emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia”. Entre outras obrigas, a lei prevía que o goberno galego elaborase un plan director dos servizos contraincendios e de salvamento que definise o modelo de reordenación territorial e a estrutura operativa deles, plan que a estas alturas ainda non está redactado, o que explica moitas das carencias do sistema galego de emerxencias.
Deficiente cobertura nas zonas de sombra
Unha destas carencias é precisamente a deficiente cobertura territorial das emerxencias en determinadas zonas do país, que carecen de servizos de bombeiros e de grupos de emerxencia supramunicipal. Nestas áreas, chamadas “zonas de sombra”, os tempos de resposta dos servizos de emerxencias están moi por riba dos 20 minutos, como é o caso de boa parte de Cerdedo-Cotobade.
Estamos, pois, absolutamente desprotexidos, sen medios para dar unha resposta áxil e eficaz, como se puxo de manifesto en numerosas ocasións, a última hai escasos días, cunha vítima mortal, cando os bombeiros chegados de Ribadumia tardaron media hora.
Ernesto Filgueira: “levamos anos denunciando que o actual mapa de emerxencias déixanos nunha zona de sombra con tempos de resposta que non son asumíbeis. A que hai que agardar para que a Xunta tome mans no asunto?”
Hai máis de 5 anos, a Xunta de Galiza anunciou a revisión do mapa de emerxencias e a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades, mais pouco se avanzou ao respecto. Por iso, é urxente que a Xunta de Galiza, a Deputación de Pontevedra procuren unha solución a este grave problema.
Para demandalo, “desde o BNG volveremos insistir cunha moción que presentaremos ao vindeiro pleno municipal para que se acometa dunha vez por todas a revisión do mapa de emerxencias e poidamos contar cun parque que dea resposta a calquera emerxencia nun tempo axeitado”, concluíu Ernesto Filgueira.