O BNG denuncia o deterioro da atención sanitaria en Ponte Caldelas ao non se cubrir as baixas
Ponte Caldelas, 14 de outubro de 2021. No último ano en Ponte Caldelas xubiláronse dous dos tres facultativos que tiña o centro de saúde. En vez de substituilos, o SERGAS limítouse a enviar de cando en vez algún -que non sempre- médico substituto. Este grave feito vese acrecentado coa baixa da médica titular, que tampouco se cubre.
Esta situación derivou en que o pasado luns, día 11, non foron atendidas todas as citas para atención presencial no centro de saúde porque o SERGAS non enviou os médicos necesarios, un feito que a portavoz do BNG, Sol Seoane cualificou de “absoluta falta de respeto” aos veciños e veciñas que estaban convocados para ser atendidos. “Parece que nin o seu tempo nin a súa saúde lles importen demasiado aos responsábeis do SERGAS”, afirmou a portavoz nacionalista.
O BNG organiza unha charla coloquio, o venres 15 ás 20 h. no colexio público Manuel Cordo Boullosa, coa participación da portavoz municipal, Sol Seoane e a deputada no Parlamento galego, Montserrat Prado
O dereito a saúde das persoas é, para o BNG, innegociábel e que para iso é clave ter unha sanidade pública forte, que conte con todo o apoio en recursos humanos, económicos e de infraestruturas. Os problemas da atención primaria en Ponte Caldelas son coñecidos e son graves, e á falta de reposición das xubilacións e a non cubrición das baixas, hai que engadir a redución do horario de atención de pediatría, algo que perxudica aos nosos nenos e nenas e ás súas familias.
Charla-coloquio o venres 15
Para abordar os problemas da atención primaria, o BNG organiza unha charla coloquio o vindeiro venres, día 15. ás 20 h. no colexio público Manuel Cordo Boullosa, que contará coa participación da portavoz municipal do BNG, Sol Seoane, e a deputada no Parlamento galego, responsábel dos temas sanitarios, Montserrat Prado.