Unión Fenosa investirá máis de 380.000 euros para dotar as parroquias de Barro de dobre suministro eléctrico
Barro, 7 de outubro de 2021. O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, recibiu ao xefe de operacións de Unión Fenosa Distribución, Vicente González, quen lle presentou os proxectos das actuacións que a empresa ten pensado levar a cabo nos vindeiros meses.
Con estas actuacións, que contan cun orzamento de 383.636,41 euros, Barro contará cunha dobre vía de suministro e deixará de depender exclusivamente da subestación eléctrica de Tibo, polo que no caso dunha incidencia poderase conectar de forma inmediata toda a rede á subestación do polígono de Outeda.
As obras consistirán no soterramento da liña desde o transformador do lugar da Porriña até o transformador do lugar de Piñeiro, na Portela; no enlace de distintos transformadores para ampliar os suministros e no soterramento de parte das liñas que circundan o núcleo urbano que, ademais da mellora na rede, suporán a eliminación do impacto visual do cableado.
Abraldes móstrase moi satisfeiro con estas actuacións, pois “suporán unha mellora notábel do servizo, sobre todo no caso dunha posíbel incidencia na liña, xa que haberá a posibilidade de restablecer o servizo por unha vía alternativa de xeito inmediato”.