Ernesto Filgueira pide a Cubela que se deixe de escusas e elimine a simboloxía fascista do espazo público
Cerdedo-Cotobade, 5 de outubro de 2021. En xaneiro de 2020 o pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade rexeitaba, cos votos do PP, unha iniciativa do BNG para que se eliminase do espazo pública toda a simboloxía de exaltación do franquismo que aínda hoxe -por desgraza- existe noso termo municipal.
Naquel pleno, o sr. Cubela baseaba a súa negativa a aprobar a moción do BNG en que non contaba con fondos para poder levar a cabo esa actuación, aínda que a esas alturas, por hixiene democrática, debera estar xa feita.
A finais do pasado mes de setembro a Deputación provincial lanzou unha liña de axudas para a eliminación da simboloxía franquista dos espazos públicos, á que se poderán acoller os concellos da provincia. Esta liña de axudas poderá destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.
Ernesto Filgueira anuncia a presentación dunha nova moción para que o Concello se acolla á liña de subvención da Deputación para a eliminación da simboloxía franquista
Atendendo a esta liña de subvencións, a escusa dada polo rexedor municipal para non cumprir coa Lei de Memoria Histórica non ten xa sentido. Polo tanto, dende o BNG instamos ao sr. Cubela a que, por dignidade e hixiene democrática, solicite xa a subvención e acometa, dunha vez por todas, a eliminación de todos os restos aínda visíbeis do franquismo no noso concello. Débello á dignidade de todas as vítimas da ditadura e as súas familias.