O BNG demanda medidas urxentes para eliminar a violencia viaria na rúa José Salgado de Caldas
Caldas de Reis, 18 de novembro de 2020. A seguridade viaria é unha tarefa da que o goberno local de Caldas de Reis nunca se ocupou debidamente, até o punto de que malia os atropelos que se teñen producido no casco urbano da vila nunca se tomou medida algunha para o calmado do tráfico nin ningunha outra que supuxese unha mellora da seguridade dos peóns nos puntos máis conflitivos da vila.
A rúa José Salgado é un claro exemplo do abandono de funcións que leva practicando dende hai anos o goberno municipal, unha rúa na que non se adoptou absolutamente ningunha medida para o calmado do tráfico a pesar de que esta atravesa un entorno escolar e deportivo no que se rexistra a diario unha violencia viaria extrema.
Malia tratarse dun entorno escolar ao que cada día acoden centos de pais e nais acompañando aos seus cativos, hai tramos de beirarrúa polas que nin tan sequera colle un carriño de bebés.
“Os entornos escolares deben ser lugares seguros para as persoas, e é inconcibible que nunca se actuase sobre un punto tan sensible como a rúa José Salgado” sinalou Manuel Fariña, que continuou, “A reforma integral da rúa José Salgado debe ser unha prioridade para Caldas, unha reforma que faga desta rúa un lugar seguro para as persoas” sentenciou o portavoz nacionalista.