O BNG defende no Parlamento galego a ampliación do instituto de Soutomaior nunha iniciativa que é rexeitada polo PP

foto Manuel Lourenzo Parlamento
Manu Lourenzo
O BNG defende no Parlamento galego a ampliación do instituto de Soutomaior nunha iniciativa que é rexeitada polo PP

O BNG reclamou á Xunta o inicio da segunda fase do IES de Soutomaior permitindo, ademais da construción de instalacións deportivas, a adecuación dos espazos ás necesidades do centro coa construción de máis aulas, salón de actos e espazos deportivos e cubertos no patio. Unha iniciativa en resposta aos problemas de espazo que padece o centro e que foi rexeitada polo grupo parlamentario do PP na comisión de Educación da Cámara. 

“A súa posición é indefendíbel”, recriminou o portavoz nacionalista de Educación, Manu Lourenzo, ao PP, logo de que o seu portavoz na comisión asegurase que a cobertura das necesidades educativas estaban cubertas. “Pero como van estar garantidas estas necesidades cando este ano houbo que implementar criterio de admisión na matrícula e mesmo unificar grupos e espazos académicos?”, criticou, para a continuación cualificar de “tomadura de pelo” a posición do grupo parlamentario que sostén ao Goberno galego. 

Lourenzo lembrou que Soutomaior tivo que agardar nada máis e nada menos que 20 anos por este novo centro, un instituto que, “recén feito”, ten problemas de espazo e non dá resposta ás necesidades educativas do concello. Neste sentido, apuntou directamente á orixe do problema: un proxecto inicial con tan só 12 unidades de secundaria e sen Bacharelato no que, logo da denuncia do BNG e a presión social, se ampliou a 16 unidades e si se incluíu o Bacharelato, pero sen ampliar a súa superficie.

Manu Lourenzo reproba a actitude da Xunta ante os problemas de espazo dun centro que non cubre necesidades tan só 2 anos despois de inaugurarse 

“O resultado está a vista, un IES con espazos diminutos que non cumpre coas necesidades do concello”, recalcou o deputado de Soutomaior, logo de reprender ao Executivo de Feixóo por “tentar colar” un proxecto recortado de inicio que despois houbo que refacer “e vostedes refixeron nos mesmos metros cadrados; de aí os problemas”, incidiu, tras recordar que o propio Consello Escolar remitira ao Concello un completo informe sobre a urxente necesidade de acometer a ampliación, “tan só dous anos despois de inaugurarse”.   

O portavoz nacionalista de Educación na Cámara galega afeou ao PP que presumira do que se presentara como o maior investimento realizado neste século porque “ese investimento xa tiña que estar feito no século pasado” e, de igual xeito, criticou a utilización por parte do grupo “popular” de informes que apuntan a unha tendencia descendente no concello da poboación infantil en idade escolar para xustificar a súa negativa a ampliar o centro. 

“O que reflicten esas gráficas é a desfeita á que nos están a levar os sucesivos gobernos do PP, que converteron Soutomaior, un concello novo e puxante, nun concello onde efectivamente cava vez temos menos nenos e nenas”, concluíu.

O BNG defende no Parlamento galego a ampliación do instituto de Soutomaior nunha iniciativa que é rexeitada polo PP