A Consellaría de Sanidade avaliará nas próximas semanas os terreos para a construción do novo centro de saúde de Barro
Barro, 16 de abril de 2021. O Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdz. Abraldes, mantivo onte unha reunión co conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente da área sanitaria, Jose Ramón Gómez, na que os representantes da Consellería manifestaron que compartían co alcalde a necesidade de construír un novo centro de saúde en Barro.
O actual centro de saúde de Barro xa ten moito anos e polas súas características de construción non reúne as condicións necesarias para prestar un servizo de calidade á veciñanza.
Por este motivo, desde que Abraldes tomou posesión da Alcaldía no ano 2015 leva feito xestións diante de diversos representantes da Consellería para conseguir a construción dun novo centro de saúde, pois as malas condicións do existente non permiten facer actuacións parciais que non servirían para unha mellora integral do mesmo.
Tanto o conselleiro como xerente da área sanitaria coincidiron con esa opinión do alcalde e confirmáronlle que a construción dun novo centro de saúde está na axenda da Consellería de Sanidade.
Para dar pasos de cara a poder elaborar o proxecto dese novo equipamento o conselleiro comprometeuse a que nas próximas semanas os técnicos da Consellería farán unha visita a Barro para avaliar a idoneidade dos terreos reservados polo concello no ano 2014 para esta finalidade.
O alcalde solicitara recentemente esta reunión unha vez que a situación sanitaria parecía un pouco máis tranquila e agradeceulle ao conselleiro a prontitude na celebración da mesma, mostrándose satisfeito ao comprobar que as autoridades sanitarias comparten a opinión sobre a necesidade de construír unha nova edificación que dea resposta ás necesidades actuais para prestar unha atención sanitaria de calidade no concello.