O BNG cualifica de perda de tempo os primeiros 6 meses de xestión do novo alcalde de Moraña
Moraña, 13 de abril de 2021. O BNG de Moraña lamenta a perda de tempo que significaron para Moraña estes primeiros seis meses de goberno “continuísta” do señor Cela. O Grupo nacionalista lembra a sensación que ten a maioría da cidadanía sobre este goberno do Partido Popular, unha sensación de parálise e despreocupación total e de falta absoluta de presencia e resolución dos problemas e prioridades de Moraña “Con esta opinión tan estendida no noso concello queda claro que os gobernos do partido Popular en Moraña tocaron fondo” asegura o voceiro do grupo municipal do BNG, Marcos Suárez.
Suárez afirma que “aínda que o cambio de goberno gañou no diálogo, o xeito de actuar segue sendo o mesmo”. Lembramos por exemplo “a creación da AulaWifi, unha proposta do BNG que se aprobou no primeiro mes de novo mandato e que se nos explicou que se faría realidade en 2-3 meses, e a día de hoxe os nosos estudantes e resto de persoas que preparan probas seguen sen ter a posibilidade dun acceso digno e dun lugar seguro e tranquilo para o estudo”
No inicio do seu mandato, o actual Alcalde explicaba que as obras ían ser “unha prioridade para o goberno do PP”. Seis meses despois tivemos que asistir ás protestas de ducias de veciños e veciñas, incluso de lugares enteiros que en pleno século XXI aínda seguen sen servizos públicos básicos como o saneamento, cuestión á que o Alcalde dá portazos día tras día dicindo que “non hai cartos”. O PP só se preocupou neste tempo do rescate, por un importe de 115.000 euros dunhas parcelas urbanísticas da rúa 7 produto dunha fallida operación urbanística privada.
Suárez tamén lembra que “a día de hoxe, o noso concello dispón de dúas obras paralizadas e das que nada se sabe: as do campo de Fútbol de Mirallos, previstas para ser rematadas en xuño de 2020 e a unidade de atención ao Alzhéimer en Alende, tamén prevista para rematar hai agora un ano e da que o goberno municipal non foi quen de traballar para desatascar e levar a cabo dende o mes de outubro”. “O Partido Popular tampouco estivo a carón do tecido social, xa que non foi quén de ter ideas propias e traballar conxuntamente cos diferentes sectores. Deste xeito a única axuda directa que recibiu o tecido asociativo parte dunha proposta do BNG dentro dun paquete presentado pola nosa organización chamado `Reactivar Moraña` de maio de 2020”, indica o voceiro nacionalista.
“O goberno do señor Cela,- indica Suárez - “ tampouco axudou en nada a paliar a grave terceira onda que afectou a Moraña, sen atender as demandas xeralizadas da poboación a realizar un cribado masivo no peor momento da pandemia. O Goberno municipal estivo ausente e sen ofrecer ningún tipo de información diaria nas canles comunicativas oficiais dos casos COVID19, previsións e medidas a tomar”
Suárez tamén lamenta “non sabermos nada das actuacións prometidas electoralmente polo PP. Non foron quen de avanzar nada nos proxectos que presentaron como fundamentais para este mandato, como son a Recuperación e adecentamento da área da Pontenova no entorno do Río Umia, a posta en valor da explanada de Mos ou a rede de fibra óptica en todos os núcleos de poboación”.
Suárez tamén lembra que “o goberno do PP segue sen adoptar medidas para tentar frear a perda de poboación acelerada que está padecendo o noso Concello, cuestión que continúa ser unha sangría xa que nos últimos 9 anos en Moraña hai 355 habitantes menos. Tamén temos que lamentar a completa desaparición da programación cultural no noso concello, unha cuestión máis necesaria ca nunca nestes tempos, nos que se podían realizar actividades, sempre cumprindo coa normativa COVID e cos horarios de toque de queda para dinamizar as parroquias e axudar tamén ao tecido cultural do noso concello”.
En definitiva, para o BNG de Moraña estes seis meses foron unha absoluta e lamentable perda de tempo. Moraña está padecendo un goberno de parálise absoluta, un goberno en decadencia e sen proxecto político de futuro para o noso Concello.