A SUBSTITUCIÓN DAS LUMINARIAS SUPORÁ UN IMPORTANTE AFORRO ENERXÉTICO
Barro comeza a substitución das luminarias tradicionais por luminarias LED
Barro, 8 de abril de 2021. O Concello de Barro adheriuse ao proxecto colectivo elaborado pola Deputación de Pontevedra co que se conseguiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) con fondos europeos para actuacións de renovación de alumeado público exterior mediante a substitución das luminarias actuais por luminarias tipo LED.
A tecnoloxía LED é fundamental para avanzar no obxectivo dunha economía baixa en carbono e na transición ecolóxica cara un modelo máis sustentábel e respectuoso co medio ambiente, posto que a súa eficiencia ten como consecuencia un aforro enerxético do 45% e a conseguinte redución das emisións de CO2.
Esta actuación ten un orzamento de 89.724.28 euros e será financiada nun 80% con fondos FEDER, nun 15% pola Deputación de Pontevedra e nun 5% polo Concello de Barro. As obras darán inicio nas vindeiras semanas e estarán rematadas antes do verán.
A tecnoloxía LED é fundamental para avanzar no obxectivo dunha economía baixa en carbono e na transición ecolóxica cara un modelo máis sustentábel e respectuoso co medio ambiente
As actuacións deste proxecto inclúen o cambio das luminarias conectadas a cinco cadros eléctricos situados ao longo da N-550, cun total de 197 luminarias. Desta forma, pasarán a tecnoloxía LED todas as luminarias desde o Lombo da Maceira até a entrada do lugar da Maquieira, exceptuando o treito do Santo Antoniño, posto que irá noutro proxecto distinto.
Ademais, a tecnoloxía LED tamén chegará aos lugares do Coruto, Porráns, Cangrallo e a algunhas luminarias dos lugares do Pazo e Constenla, por seren dependentes de cadros eléctricos situados na N-550.
Esta será a primeira fase de cambio de luminarias en Barro, xa que o Goberno Municipal está traballando nun novo proxecto para cambiar máis de 400 luminarias das tradicionais por luminarias con tecnoloxía LED nas parroquias de Curro e A Portela e no núcleo do Santo Antoniño.