O BNG cos afectados e afectadas polas Preferentes
Este venres os Alcaldes do BNG de Pontevedra, Poio, Bueu e a Alcaldesa de Tomiño acompañaron ás perosas estafadas polas preferentes que se manifestaron en Pontevedra diante da Subdelegación do Goberno e máis na Deputación.
Xunto aos nosos compañeiros Miguel Fernández Lores, Nito Sobral, Félix Juncal e Sandra González, estiveron tamén presentes máis militantes nacionalistas tanto do BNG como da CIG.
Xa dentro do Pazo da Deputación, tomaron a palabra os alcaldes Lores e Juncal que manifestaron a solidariedade do Bloque coas persoas que foron estafadas a mantenta.
O Alcalde de Pontevedra lembrou que foron as decisións tomadas polos gobernos de Madrid, antes do PSOE e agora do PP, as que nos levaron a esta situación indefendíbel e que agora non poden agacharse: é ese mesmo goberno o que ten que decidir devolverlle os seus aforros ás persoas estafadas.
Sen embargo, Fernández Lores destacou que para o Partido Popular, o mesmo que antes para o PSOE, o prioritario é defender os intereses da grande banca e as decisións vindas de Bruxelas. Por iso non teñen escrúpulo ningún en deixar ir para fóra o aforro dos galegos e galegas e, por iso, tampouco teñen deferencia ningunha con estas persoas.