O BNG consigue que a Xunta reforme o 1º andar do CEIP San Clemente de Caldas
O Tenente de Alcalde de Caldas Manuel Fariña manifestou a súa confianza en que, tras demasiado tempo de espera, se vaian materializar “por fin” algunhas das melloras necesarias e urxentes nos centros de ensino caldenses por parte da Xunta de Galiza.
O nacionalista, responsable da área de Educación no Concello, destacou que é preciso que as obras do IES Aquis Celenis sexan efectivas canto antes e pediu á consellaría unha planificación axeitada co fin de minorar as molestias á comunidade educativa.
Por outra banda, Fariña aplaudíu que tras a presión exercida pola área municipal do BNG a Xunta reconsiderase a súa postura e se aveña a reformar de maneira integral o primeiro andar do CEIP San Clemente, que a día de hoxe está en malas condicións.
“As instalacións xa esgotaron a súa vida útil e hai tempo e precisan ser renovadas para impartir unha educación de calidade de maneira digna a todas as alumnas e alumnos caldenses”, destacou Fariña, lembrando que os nacionalistas presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta para incluír a partida económica necesaria para acometer esta obra.
Fariña demanda a ampliación do comedor do CPI Alfonso VII
Finalmente, nun encontro coa Consellería, Fariña destacou a urxencia tamén da ampliación do comedor do CPI Alfonso VII, un compromiso do departamento galego de Educación que non ten aínda visos de facerse realidade. “Nós seguiremos a insistir en que se dean todos os pasos para poñela en marcha, porque por moito que intenten dicir que a demanda do servizo está cuberta, iso non é así. O comedor precisa ampliarse”, subliñou Fariña.
Hai que lembrar que hai meses que o xefe territorial de Educación se comprometeu con nais e pais a que o novo comedor estaría funcionando este curso, algo para o que non se fixo nin un trámite, xa que a Consellería nin presentou proxecto nin solicitou a correspondente licencia, só pediu información urbanística. O Concello emitiu hai semanas informe poñéndose a disposición e ofrecendo toda a colaboración, explicando que a parcela onde se pretende realizar a obra é viable.