O BNG anima ao alcalde de Moraña a sumarse á fronte común na defensa da atención primaria no centro de saúde
Moraña, 11 de xaneiro de 2022. O voceiro municipal do BNG, Marcos Suárez, vén de entregar unha carta dirixida a José Cela, Alcalde de Moraña na que a organización nacionalista lle solicita ao rexedor unirse á fronte común na defensa da atención primaria no centro de saúde, que se atopa, en palabras de Suárez nunha "situación absolutamente inasumiíbel e insoportábel durante moito máis tempo, tanto para o conxunto da veciñanza de Moraña como para os profesionais que traballan no centro".
Na misiva Suárez enumera os problemas que continúa arrastrando o centro de saúde, entre os que se atopan a falta de médicos, o que conleva a que se estean a dar citas médicas presencias e telefónicas cunha marxe de entre 18 e 20 días, a ausencia do pediatra compartido con Cuntis, a formación de colas diarias dentro e fóra do centro, ou a ausencia de persoal auxiliar que produce que non se collan chamadas telefónicas durante mañás enteiras. Suárez lembra que "a veciñanza de Moraña xa leva anos amosando o seu rexeitamento aos recortes continuados no centro de saúde con campañas de recollidas de sinaturas, preguntas no Parlamento e incluso dúas concentracións e outras dúas manifestacións compartidas co Concello de Cuntis na demanda da praza compartida de pediatría, e por iso é máis necesario ca nunca camiñar xunto á veciñanza e non quedar atrás na reclamación do dereito de todas e todos de poder contar cunha atención pública de calidade e polo tanto da mellora do benestar de todas as persoas que viven en Moraña"
O voceiro municipal nacionalista asegura que este é o momento de "establecer unha estratexia conxunta de Concello, de pobo, para fortalecer, defender e mellorar a Atención Primaria do Centro de Saúde de Moraña, e por iso agardamos que todas as organizacións políticas, e tamén o Partido Popular de Moraña se sumen e poidamos traballar conxuntamente para reverter os recortes provocados durante anos no noso centro de saúde".