Anxo Santomé: “No BNG estamos en condicións de presentar nas vindeiras municipais un proxecto gañador para Cerdedo-Cotobade”
Cerdedo-Cotobade, 11 de xaneiro de 2022. O BNG de Cerdedo-Cotobade vén de reelexir por unanimidade a Anxo Santomé como responsábel local, situando ao economista Joám Romero como Vice- responsábel.
Na Asemblea, Santomé fixo un balance positivo do traballo levado a cabo polo BNG nos últimos anos que “nos permitíu chegar a todos os currunchos do concello, incrementar substancialmente a militancia e configurar ao BNG como a única alternativa ao PP en Cerdedo-Cotobade”.
“Somos un proxecto que demostrou, cos seus actos, solvencia, coerencia e proximidade cos veciños e veciñas e as súas necesidades” -afirmou o responsábel nacionalista-. Ao longo destos anos pisamos todos e cada un dos lugares do concello, reunímonos coa veciñanza para coñecer as súas inquedanzas e trasladarlles a nosas propostas, e levamos a todas as institucións competentes as demandas veciñais na procura de solucións, sexan de saneamento, de seguranza viaria ou de defensa do tecido produtivo local. Unha “oposición construtiva cun único obxectivo: o benestar dos homes e mulleres de Cerdedo-Cotobade”.
Impedir o espolio eólico, mellorar os servizos, dinamizar o tecido económico local, mellorar a seguranza viaria e desenvolver unha proposta cultural ampla, variada e decidida nas parroquias seguirán a ser eixos fundamentais do traballo político do BNG
“Este traballo constante a pé de rúa permitiunos coñecer polo miúdo a situación do municipio e está a servir de base para articular un programa de goberno capaz de gañar a confianza dos veciños e veciñas. Cerdedo-Cotobade precisa un cambio de rumbo, que deixe atrás as inercias que nos impiden avanzar, e o BNG está en condicións de dar un gran salto nas vindeiras eleccións municipais e colocar a Ernesto Filgueira á fronte da alcaldía do noso Concello, cun goberno capaz, dialogante, transparente e resolutivo”.
Contra o espolio eólico
“Moitos e difíceis son os retos que temos por diante -afirmou o vice-responsábel local Joám Romero-, a comezar pola loita contra o espolio eólico que se pretende facer no municipio, coa conivencia da Xunta do PP, pero os afrontamos con ilusión e optimismo”. Desde o primeiro minuto o BNG estivo do lado da veciñanza, informandoa dos proxectos que lles afectaban -ante o silencio da administración galega e municipal- e acompañandoa na rúa nas súas xustas reivindicacións” E “nesa liña seguiremos, porque non podemos deixar que estraguen o noso territorio impunemente. Queremos vivir no rural, pero non nun rural estragado, senón nun rural vivo, dinámico e con futuro, e para iso é preciso que contemos con máis e mellores servizos”, declarou Romero.
Anxo Santomé mostrouse convencido de conseguir atraer ao BNG a un numero cada vez maior de veciños e veciñas que permita conformar unha alternativa solvente e gañadora para Cerdedo-Cotobade. “Teño a honra de encabezar un equipo humano excepcional, formado por mulleres e homes cunha grande capacidade de traballo, con ideas claras para desenvolver o concello e cunha ilusión por transformar as cousas en positivo da que me sinto especialmente orgulloso”.