Barro dá o último paso para que o novo centro de saúde sexa unha realidade en 2026

Xosé Manuel Fernández Abraldes
Xosé Manuel Fernández Abraldes
Barro dá o último paso para que o novo centro de saúde sexa unha realidade en 2026

O Pleno extraordinario da Corporación municipal de Barro, celebrado o mércores 25 de xuño, aprobou unha modificación de crédito por máis de 200.000 euros que permitirá acometer a demolición dos edificios existentes na parcela onde se construirá o novo centro de saúde. Con esta decisión, o concello culmina os trámites que lle corresponden para que a consellaría de Sanidade poida iniciar as obras en 2026, unha vez que o proxecto xa está redactado e que nos vindeiros meses xa estará adxudicado á empresa que se encargará de executar os traballos de construción. 

Os fondos, procedentes dos aforros municipais, destinaranse á demolición dos antigos edificios da praza e do xulgado de paz, que ocupan actualmente os terreos cedidos á Consellería de Sanidade. A intervención executarase nos vindeiros meses, e marcará o inicio material do proceso para construír unha infraestrutura sanitaria necesaria e moi demandada pola veciñanza. 

Ademais, esta modificación orzamentaria permitirá acometer a reparación integral da cuberta da casa consistorial, que presenta importantes deficiencias e filtracións de auga. Malia os traballos de mantemento realizados nos últimos anos, a situación actual require unha actuación de maior envergadura para garantir a impermeabilidade e permitir o uso do andar superior. 

Ese espazo será o destino definitivo do xulgado de paz e do rexistro civil de Barro, que se reubicarán alí unha vez estean finalizadas as obras. Mentres tanto, prestarán servizo de maneira provisional nunha sala de xuntas do propio edificio municipal que será habilitada para tal fin tamén con cargo a esta modificación de créditos. 

Barro dá o último paso para que o novo centro de saúde sexa unha realidade en 2026