O proxecto de renaturalización do río Gafos entra na fase de contratación

gafos-zona de estancia
gafos-zona de estancia
O proxecto de renaturalización do río Gafos entra na fase de contratación

Pontevedra, 24 de xuño de 2025. O edil de Mobilidade e Infraestruturas, César Mosquera, informou que o proxecto de renaturalización do Río Gafos entra na súa fase de contratación logo de recibir todos os permisos necesarios para abrir este novo capítulo administrativo. 

Tal e como sinalou Mosquera, o proxecto atópase na fase final de tramitación, polo que pode iniciarse xa a fase de contratación, ao ser recibidas as autorizacións de Augas de Galicia e da Fundación Biodiversidade. “Toda a documentación e os pregos xa están completos e na plataforma de Contratación. Agardamos que o proceso de licitación sexa o máis áxil posible, a pesar da complexidade da obra e dos requisitos adicionais por contar con fondos europeos”, explicou. 

O orzamento incluído no proxecto é de 4,6 millóns de euros, cun prazo de execución de 12 meses. Serán plantadas case un cento de novas árbores, duplicando a cifra actual; ademais de 290 plantóns de salgueiro, o que derivará nuns 700 metros cadrados de cobertura arbórea. A maioría das especies serán de folla caduca. 

O proxecto non só permitirá crear unha zona verde de elevada calidade, senón que tamén traerá consigo unha hidráulica moi importante, rebaixando a posibilidade de inundacións e mellorando o control das mesmas. 

Doutra banda, cómpre sinalar que esta actuación terá un carácter de quilómetro 0, xa que, por exemplo, o formigón retirado do río será triturado para logo ser utilizado na construción dos camiños e sendeiros fluviais. Tal e como indican desde o equipo de deseño do proxecto, na Fundación Biodiversidade non teñen coñecemento dunha renaturalización deste tipo, polas súas características únicas, dentro do Estado español. 

O proxecto de renaturalización do río Gafos entra na fase de contratación