Barro continúa a mellorar os accesos aos nucleos e a seguridade viaria
O concello de Barro continúa firme na súa aposta por poñer en valor as parroquias mellorando a accesibilidade a todos os núcleos de poboación, así como a seguridade para persoas e vehículos. Agora será a quenda dos núcleos de Valbón, A Áspera e A Porriña, nas parroquias de Agudelo e da Portela, respectivamente.
O executivo local vén de adxudicar un proxecto por importe de 110.242 euros, e co cal se renovará a pavimentación da pista paralela á vía do tren, no acceso ao lugar de Valbón, así como a mellora do pavimento no lugar da Áspera, lugar no que ademais tamén se procederá ao ancheamento da pista, aproveitando as cesións de terreo que as veciñas e veciños do lugar teñen feito para esta finalidade. Tamén se actuará con este proxecto no lugar da Porriña.
Para Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, seguir “ampliando e mellorando os accesos aos núcleos é fundamental para poñer en valor as nosas parroquias e facelas cada vez máis atractivas e cómodas para vivir”.
Este proxecto financiarase con cargo ao Plan Máis provincia 2024 e foi adxudicado á empresa COVSA, por ser a mellor oferta presentada. A execución dos traballos está prevista para o mes de setembro.