Rematan os primeiros traballos de escavación e posta en valor do Castro do monte da Chan, en Barro
Barro, 22 de setembro de 2021. O Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdz. Abraldes, visitou o Castro do monte da Chan acompañado polo presidente da comunidade de montes de Agudelo, Fernando Chao, e doutros membros do goberno municipal, da comunidade educativa local e da asociacición Colectivo Espazo 16, para comprobar o resutado dos primeiros traballos de escavación e de posta en valor deste enclave patrimonial e natural.
Os traballos que se levaron a cabo consistiron na escavación e consolidación dunha vivenda do castro e na colocación de paneis didácticos e interpretativos sobre este xacemento e para os que se contou cunha subvención de 5.433,13 euros da Deputación de Pontevedra para a Rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural.
Esta actuación arqueolóxica é o primeiro paso do Goberno municipal de Barro para pór en valor toda a riqueza arqueolóxica deste xacemento, que se estima que teña unha dimensión de entre 5 e 6 hectáreas e que esta datado no século I a.C., e sobre o que o quere seguir dando novos pasos, polo que xa está buscando financiamento para novas campañas arqueolóxicas.
Para Abraldes a posta en valor deste xacemento “é fundamental para dar a coñecer, tanto para a xente de Barro como para a de fóra, este tesouro patrimonial que temos a sorte de albergar no noso concello”. Así mesmo, Abraldes asegura que desde o Goberno “queremos seguir dando pasos para adiante con novos traballos de escavación e xa estamos buscando financiamento.”
A asociación Especies de espazos – Colectivo Espazo 16 organiza o domingo 26 ás 11:00 h un roteiro guiado da man do historiador Roberto Rivas para coñecer toda a riqueza patrimonial do lugar. Por motivos protocolarios é necesario inscribirse no mail [email protected].