A pesar das evidencias, a Valedora do Pobo dá por boas as explicacións do SERGAS e conclúe que a atención sanitaria en Poio está ben cuberta
Hai meses, a portavoz municipal do BNG en Poio, Marga Caldas, remitía un escrito á Valedora do Pobo denunciando o deterioro da atención sanitaria no concello, un deterioro derivado da falta de persoal e da política de recortes na atención primaria que leva a cabo a Xunta de Galiza.
No escrito, a portavoz nacionalista daba voz ás múltiples queixas dos veciños e veciñas de Poio, para as que acceder a atención médica estaba a supoñer toda unha odisea, con listas de agarda interminábeis, con saturación nas consultas, cupos desbordados e escaseza de persoal sanitario.
Na súa resposta, a Valedora do Pobo dá por boas as “explicacións” do SERGAS que afirma que a dotación de profesionais sanitarios é suficiente e conclúe que a atención sanitaria dos veciños e veciñas de Poio non se víu mermada en ningún momento, algo que contrasta coa opinión e a experiencia, amplamente xeralizada, da veciñanza que tivo que recurrir á sanidade pública no noso concello.
Marga Caldas: "A opinión do SERGAS e da Valedora contrasta coa percepción da veciñanza que tivo que padecer un verdadeiro calvario para acceder á atención médica"
Porque coa saúde non se xoga, o BNG seguirá a demandar tanto no Concello como no Parlamento galego un aumento de profesionais sanitarios, que o SERGAS cubra as baixas e vacacións do persoal facultarivo, e que se contrúa o tantas veces demandado novo centro de saúde que dea responsa ás necesidades sanitarias do noso concello no século XXI.