O BNG pide no Parlamento que se suspenda a tramitación do parque eólico do Castrove e que a Xunta desenvolva un Plan de protección e dinamización deste espazo natural e cultural
17 de setembro de 2021. Actualmente estase a tramitar no monte Castrove un parque eólico de 24 MW, formado por 4 aeroxeradores de 6 MW e unha subestación de transformación. Trátase dun proxecto de industrialización do monte que se sitúa nos concellos de Poio, Pontevedra e Meis, que afecta a unha poligonal de 600 hectáreas, e que podería no futuro ampliarse a todo o espazo atinxido pola Área de Desenvolvemento Eólico do Castrove e a súa zona de influencia. Un territorio de miles de hectáreas que afecta directamente a núcleos de poboación dos concellos de Barro, Meis, Poio e Pontevedra.
Segundo consta no documento ambiental de inicio, que foi sometido a información pública, a construción do parque vai ter un forte impacto ambiental e territorial debido á necesidade de levar a cabo diferentes infraestruturas:
- Apertura e construción de 5,3 km de viais, nunha zona con fortes pendentes.
- Apertura e construción de gavías para drenaxe de augas, coa conseguinte alteración da rede hídrica (nacentes e escorrentías).
- Apertura e construción de gavias para cableado
- Explanación e compactación de zonas de montaxe dos aeroxeradores, de 620 m2 por cada un deles.
- Creación de zona de acopio de pás, de 2.000m2
- Cimentación dos aeroxeradores, de 3,20 m de profundidade e 400 m2 de superficie
- Construción de subestación de transformación, cunha superficie total de 4.435 m2
Por outra parte, debido aos movementos de terras e explanacións do terreo necesarias na fase de construción, prevese un forte impacto nos recursos hídricos da zona, fundamentais para biodiversidade e para o abastecemento da poboación. A afectación é moi importante no caso dos mananciais para o abastecemento de lugares como A Escusa, no concello de Poio.
Luís Bará alerta das fortes afeccións territoriais, ambientais, sobre o patrimonio cultural e sobre os recursos hídricos
Na zona do monte Castrove existen hábitats clasificados como de interese comunitario e prioritario, que se verán ameazados pola construción do parque. Tamén existen importantes xacementos arqueolóxicos, que dan mostra da ocupación do territorio desde épocas moi antigas. Aplicando o principio de precaución, deberiase levar a cabo unha ampla investigación e catalogación dos bens culturais e naturais, con carácter previo a calquera proxecto industrial como o que se pretende desenvolver. No tocante á importancia histórica e cultural deste espazo, é necesario poñer de relevo a súa relación coas viaxes e investigacións do Padre Sarmiento, que deixou referencia de valiosos achados arqueolóxicos nesta zona, moitos dos cales están sen investigar e documentar.
Tamén cómpre poñer de relevo que se trata dunha zona na que existe greas de gando, especialmente cabalar, e na que se mantén viva a tradición dos curros.
Por conseguinte, o desenvolvemento dun proxecto industrial como o previsto no parque éolico tería consecuencias negativas para un espazo de grandes posibilidades desde o punto de vista natural, cultural, social e lúdico.
Unha vez construído o parque é previsíbel que se constrúan ampliacións do mesmo en novas fases, tendo en conta o espazo ocupado pola Área de Desenvolvemento Eólico e a súa zona de ampliación. En canto á poligonal do parque, que ocupa case 600 hectáreas, vai supoñer fortes restricións aos usos tradicionais do territorio, pola preeminencia do uso industrial.
Na fase de funcionamento, o parque eólico terá impactos sobre a fauna e sobre a poboación circundante. Dadas as dimensións dos aeroxeradores, de máis de 200 m de altura e unha potencia unitaria de 6MW, terá un forte impacto visual na contorna, impacto sonoro e tamén lumínico, pola instalación nos aeroxeradores de luces brancas (destellantes) e vermellas (fixas) para o seu balizamento.
A pretensión de construir un parque eólico no monte Castrove conta con unha forte oposición na zona, como se puxo de manifesto coa presentación de centos de alegacións e co desenvolvemento de diversas mobilizacións contrarias ao proxecto. Cabe sinalar tamén os pronunciamentos contrarios das corporacións municipais de Poio e Meis.
O actual plan de desenvolvemento eólico de Galiza está a provocar unha forte resposta social pola cantidade, intensidade e dimensións dos parques proxectados, e polo forte impacto negativo no medio natural, no territorio, nas actividades económicas e nos usos residenciais. En lugar de atender as demandas sociais ao respecto, o goberno galego aprobou diversos cambios normativos para favorecer e facilitar a tramitación destes proxectos, pasando por riba dos intereses veciñais e dos concellos. Fronte a este plan de espolio e depredación dos recursos naturais do noso país, cómpre desenvolver un novo modelo eólico con participación pública e das persoas propietarias do chan, sustentábel, xusto, respectuoso co territorio e que deixe a riqueza en Galiza.
PROPOSICIÓN NON DE LEI PARA DEBATE EN PLENO OU EN COMISIÓN
O parlamento insta á Xunta a
- Aplicar o principio de precaución e suspender a tramitación do parque eólico previsto no monte Castrove polas fortes afeccións ao patrimonio cultural e natural e polo impacto negativo no territorio e na poboación da contorna.
- Desenvolver unha nova planificación sectorial eólica baseada na participación pública e das persoas propietarias do solo, na sustentabilidade e na xustiza enerxética, e na protección dos recursos hídricos e dos valores naturais e culturais do territorio.
- Encargar ao sistema universitario galego un estudo sobre os bens naturais, paisaxísticos, arqueolóxicos e sociais do monte Castrove e tomar as medidas necesarias para evitar a súa degradación ou destrución.
- Tomando como referencia o estudo citado no punto anterior, desenvolver en colaboración cos concellos e coas entidades veciñais un proxecto de protección, conservación, promoción e dinamización dos valores culturais, ambientais, sociais e turísticos do monte Castrove.
PREGUNTAS PARA RESPOSTA ORAL OU ESCRITA
- Que valoración fai o goberno galego sobre a resposta social e institucional contraria á construción do parque eólico do monte Castrove?
- Considera o goberno galego que, dadas as previsións da Área de Desenvolvemento Eólico, estamos diante dunha primeira fase que terá continuidade no futuro con novos parques?
- Considera o goberno galego que sería necesario aplicar o principio de precaución e suspender a tramitación do parque eólico do Monte Castrove?
- Considera o goberno galego que as infraestruturas necesarias para a construción do parque do Castrove terán un impacto moi negativo nos recursos hídricos e no abastecemento de auga á poboación?
- Comparte o goberno galego a necesidade e interese de encargar un estudo sobre os valores culturais, ambientais, paisaxísticos e sociais do Monte Castrove, así como un Plan de protección, conservación, promoción e dinamización dos mesmos?