Barro avanza no aforro enerxético e adxudica o servizo de limpeza das instalacións municipais
Barro, 30 de xuño de 2021. O Pleno extraordinario celebrado na noite de onte deu luz verde a un convenio entre o Concello de Barro e a Deputación de Pontevedra para executar un novo proxecto de aforro enerxético co que se vai actuar en cinco cadros de mando e substituir 402 luminarias tradicionais por unhas novas de tecnoloxía LED.
Con esta actuación, que afectará ás luminarias no núcleo do Santo Antoniño, do polígono, Outeda e da Fonte de Curro, diminuirase a potencia de 68,27 kW a 25,49 KW e conseguirase un aforro estimado do 75,90% grazas ás novas luminarias de última xeración e á substitución dos cadros de mando.
Este proxecto, que contou cos votos favorables do BNG e do PSOE e en contra do PP, ten un orzamento de 192.656,97 euros e financiarase con 154.125,57 euros de fondos do IDAE, con 19.265,70 euros de fondos da Deputación de Pontevedra e con 19.265,70 euros de fondos propios do Concello de Barro.
O cambio destas 402 luminarias vénse sumar ao proxecto xa en execución de substitución doutras 197 ao largo da N-550 e nos lugares de Coruto, Porráns, Cangrallo, o Pazo e Constenla.
Servizo de limpeza das instalacións municipais
Na sesión plenaria tamén se adxudicou o servizo de limpeza das instalacións municipais á empresa Litmar Limpiezas S.L.U. O orzamento base de licitación deste servizo era de 83.800 euros que, tras a rebaiza ofertada pola empresa adxudicataria, terá un custo anual de 78.262 euros. Esta empresa será a encargada do servizo de limpeza do colexio infantil, da escola unitaria de Curro, da escola infantil do Outeiro, do comedor escolar, do centro de saúde, do Xulgado de paz, do edificio do concello e da biblioteca municipal.