Mentres o BNG soña cun banco público galego e cun banco de terras o PP ten pesadelos cos bancos dos tribunais pola Gurtel e a súa corrupción

pontevedra-20-800x450
pontevedra-17-800x450
Mentres o BNG soña cun banco público galego e cun banco de terras o PP ten pesadelos cos bancos dos tribunais pola Gurtel e a súa corrupción

 “A remontada do BNG é a chave para derrotar ao PP. O 25-S aínda hai partido”. Así de rotundo o dixo hoxe o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, nunha Praza do Teucro de Pontevedra ateigada de xente. Segundo dixo, o voto ao BNG é útil para deixar ao PP sen maioría absoluta e botar á dereita fóra do goberno galego, xa que o último parlamentario das catro provincias galegas será disputado, con toda probabilidade, polas dúas formacións. 

Bará mostrouse optimista para o 25-S e pediu aos veciños e veciñas que acompañen o que denominou “unha auténtica remontada” do BNG grazas ao chamado ‘efecto Pontón’, en referencia á candidata á Presidencia da Xunta. “Notamos máis simpatía cara a nosa líder, notamos máis simpatía cara o BNG e ao seu proxecto. A nosa candidata gañou de forma contundente o enfrontamento con Feijóo no debate e cada vez hai máis xente que considera que é a mellor aposta para facer fronte ao PP”, asegurou. 

pontevedra-14-800x450

“Nós no BNG somos un produto 100% galego. Somos un produto galego de calidade, como se pode comprobar con Ana Pontón, que é máis que válida porque é unha muller feminista con brillantez, capacidade e talento, pero ademais fai as cousas por amor ao seu pobo”, por iso, explicou, “estase a producir o ‘efecto Pontón’, porque moitos galegos e galegas ven nela unha alternativa humana ao Goberno sen alma do PP”, destacou. 

No mitin Bará foi contundente contra as políticas do PP que teñen levado a Galiza á situación de espolio e apropiación dos seus recursos e que ademais están caracterizadas pola corrupción.  “Nós soñamos cun banco público galego, con crear un banco de terras. E con que bancos soña o PP? –preguntou- Pois o PP ten pesadelos cos bancos dos tribunais da Gurtel e das ducias dos casos de corrupción nos que están enzoufados”, asegurou, para engadir que “en Madrid levamos un ano cun goberno en funcións, pero aquí temos un goberno en ‘defunción’ que imos enterrar politicamente o vindeiro domingo”, salientou.

Bará tamén tirou de recursos para defender o nacionalismo como fórmula para sacar a Galiza da crise. “Nós os nacionalistas non vimos de Madrid a buscar vantaxe para futuras eleccións... Nós estamos no país, somos de aquí, levamos toda a vida aquí. A nosa razón de ser é Galiza, traballar polo benestar e por construír un país mellor, con futuro... Iso é o que nos diferencia”, subliñou. 

Por todo isto, Bará puxo sobre a mesa a alternativa do BNG como referencia: “Nós temos demostrado ser unha alternativa sólida, seria, con convicción e demostrada solvencia. Así se ve nos gobernos nos que estamos, que somos capaces de levar adiante cambios, nos concellos, na Deputación, no seu día no goberno galego. Dende logo, por nós non vai ser que non se chegue a unha alternativa ao goberno do PP”, finalizou.

 

Mentres o BNG soña cun banco público galego e cun banco de terras o PP ten pesadelos cos bancos dos tribunais pola Gurtel e a súa corrupción