LUÍS BARÁ DESTACOU O SEU LABOR DE INNOVACIÓN E INVESTIGACIÓN NO ÁMBITO DA ONCOLOXÍA

Bará: "Hifas da Terra é exemplo da Galiza puxante e innovadora que queremos"

hifas1
Visita a Hifas da Terra

 

 

Bará: "Hifas da Terra é exemplo da Galiza puxante e innovadora que queremos"

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, puxo como exemplo das potencialidades de Galiza o traballo feito empresa Hifas da Terra, da que destacou a clara aposta pola inversión en I+D+i, o desenvolvemento do talento e a innovación.  “Este é un bo exemplo da Galiza puxante e innovadora que queremos”, dixo. 

Hifas da Terra é unha empresa biotecnolóxica especializada na produción de produtos relacionados coa micoloxía situada en Pontevedra que leva 16 anos traballando no desenvolvemento das potencialidades dos cogumelos. As setas son estudiadas en múltiples ensaios clínicos polas súas propiedades e, ata o de agora, está a reinvestir todos os beneficios para ampliar liñas de investigación. 

A empresa está dividida en catro áreas: a de cultivo, a de viveiro, a de cosmética e a de produtos medicinais, que é a máis desenvolvida e supón o 50% dos ingresos, con exportacións a sete países. A día de hoxe estase a traballar para poñer en marcha a Fundación Hifas, co fin de ampliar a investigación da micoloxía para tratamentos oncolóxicos e acadar a súa utilización de xeito cofinanciado dentro do sistema público de saúde.

Hifas da Terra conta, así mesmo, co maior viveiro de castiñeiros do mundo, xunto con outras especies, para promover plantacións ordenadas do monte tirando amplas rendibilidades e dispón dun cultivo de cogumelos de grandes dimensións que é a base fundamental para o desenvolvemento das demais liñas. “É preciso que haxa forzas galegas que aposten por recursos do país coma estes nos que somos unha potencia, polos que somos coñecidos internacionalmente”, asegurou Bará.

Bará coñeceu ‘in situ’ en Bora a aposta pola innovación e desenvolvemento que vén realizando esta empresa, así como algunha das plantacións de castiñeiros inoculados con micorrizas para ser máis resistentes e produtivas. Hifas ten entre os seus clientes de viveiro comunidades de montes, institucións e particulares de toda a península e outros países do estranxeiro.

“Nós temos saber facer, temos coñecemento e materia prima. Se Galiza aposta pola innovación, polo talento e pola investigación, poderemos saír adiante, pero necesítase un tempo novo no que as institución poñan a disposición as ferramentas para desenvolver todo ese potencial”, finalizou Bará.

Bará: "Hifas da Terra é exemplo da Galiza puxante e innovadora que queremos"